Entrevista

“Debemos resarcir á cidade da ocupación da alameda. Como? Cun espazo aberto"

entre
photo_camera Isabel Pérez, diante da Praza de Abastos.

Isabel Pérez, coordinará a dinamización da Praza de Abastos unha vez que se complete a mudanza ó edificio provisional na Alameda.

 

De xeito "altruista e desinteresado", a ex tenente de alcalde no bipartito PSOE-BNG, Isabel Pérez, coordinará a dinamización da Praza de Abastos unha vez que se complete a mudanza ó edificio provisional na Alameda.

Ninguén discute a historia das prazas, pero si o seu futuro. Por onde pasa a folla de ruta? 

Os mercados tradicionais teñen que ofertar á cidadanía un comercio diferente ó das grandes superficies e á compra electrónica. Un dos hándicaps é adecuar o sistema tradicional a esa nova competencia, ofertando o que non fan os outros, a compra directa, produtos de cercanía. Necesitamos unha oferta alternativa no envoltorio, por iso un dos obxectivos é facer da praza nesta nova etapa non só un espazo de comercio, senón de ocio e actividades.

Este traslado é un bo momento? 

É o momento adecuado, os cambios teñen que ser aproveitados para mellorar, hai que pór no século XXI a praza e mirar ó redor, onde está funcionando, non hai que ir moi lonxe, mira Santiago ou Tomiño.

Cerca está a praza de A Ponte. Hai medo a que se repita a historia? 

Creo que hai unha diferenza importante. Os placeiros alí eran moi reducidos, non había a ocupación e negocios que temos aquí e tampouco tiñan unha asociación detrás que pulara. Non olvidemos que o noso edificio é un BIC, non hai comparación.

Teñen xa todo planeado? 

Si. Hai que agradecer a colaboración de institucións como o Concello. Queremos facer tamén un sitio turístico atractivo, non só para os ourensáns. A oferta gastronómica é un dos obxectivos.

Haberá espazos para comer, cociñar o que se compra? 

Si, e moitas máis actividades, tendo en conta o noso ciclo festivo, que no noso caso está relacionado co mundo agrario. Onde mellor que celebrar que onde podes comprar os produtos frescos. Nesta nova etapa, vai haber un horario moitísimo máis amplo.

Non preocupan os retrasos nos prazos? 

As cousas de palacio van despacio.

Fala con coñecemento de causa, pola súa experiencia municipal. 

Claro, por iso quero ser cauta, sei que moitas veces hai atrancos que escapan á xestión política e claro que visto desde fóra quizáis parecen excesivos os prazos, pero sempre digo que mellor sen présa pero sen pausa. Queremos que se fagan as cousas ben, aínda que leven o seu tempo. Efectivamente, os placeiros teñen a necesidade, porque os clientes tamén preguntan, e están a expectativa.

E que ademais ocupan un espazo emblemático como a Alameda. 

Claro. A praza de abastos ten tamén que resarcir á cidade da ocupación dun espazo. Como? Facendo un espazo aberto, onde se poida mercar e atopar alternativas de ocio como exposicións, conferencias, catas de viño, cursos.

Non poder entrar aínda no edificio provisional non condiciona os seus plans? 

Non. É preferible entrar como cando é unha nova casa, queremos que estea todo perfecto. Pido paciencia.

Teñen argallado tamén un acordo co parking para facilitar as cousas ós consumidores? 

Claro, un dos problemas que nos manifestaban era o aparcamento, que vai estar resolto na nova praza. Poderase ir a pé, porque está nun lugar perfecto, pero tamén en coche, deixándoo debaixo do novo emprazamento. É un incentivo.

A loita tamén é contra o botellón? 

Claro, o que dicía. A praza ten que devolver mellorado o espazo á cidadanía, ten que ser interxeracional, ofrecer alternativas ó botellón cun ocio novo. Temos o palco de música, xogos tradicionais, hai moitas cousas. Trátase de conseguir un lugar para todos, unha convivencia sana.

Véselle convencida e optimista. 

O mercado é un servizo público que hai que ofertar á cidadanía, unha maneira tamén de reivindicar a nosa historia, temos as rianxeiras, lavandeiras. É unha oportunidade para que a cidade se reencontre coa súa praza. Merecerá a pena.

Pero non temen estar moito tempo no edificio provisional? 

Queremos que sexa o mínimo posible. A nosa ubicación é o edificio noble, que é singular, ó carón das Burgas e a dous pasos de Praza Maior. Na volta, melloraremos a accesibilidade, que é algo moi importante. Sen présa, pero sen pausa, con garantías.

É que é escoitar a palabra provisional e botarse a temblar? 

Claro. A todos nos gustaría que fora  o proxecto máis rápido, pero hai cuestións que subsanar. Con vontade e comprensión, conseguirase.

É importante o consenso político. Salvo unha forza, o resto ve con bos ollos a reforma. 

É de xustiza porque de todas as prazas de Galicia, Ourense é a única que non acometeu esa gran reforma. Merecemos un tratamento especial. Os cidadáns estarán orgullosos dunha praza de referencia. 

Te puede interesar