Partidas

A Deputación destina máis de 400.000 euros en axudas para servizos sociais e culturais

En materia de cooperación cos concellos, a Xunta de Goberno aprobou axudas para diferentes obras de acondicionamento nos municipios de Chandrexa de Queixa, Oímbra, Avión e Coles

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou na reunión celebrada este luns máis de 400.000 euros para iniciativas de servizos sociais e actividades culturais. Así o informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao luns 23 de xullo de 2018.

En concreto, "aprobouse a resolución da convocatoria de axudas para proxectos de prestación de servizos sociais para o ano 2018, pola cal a Deputación de Ourense concede 60 axudas, que van dos 1.600 aos 14.500 euros, ascendendo a un orzamento total de 307.893 euros, para diversas entidades con proxectos e programas de atención, apoio e axuda a colectivos e familias con necesidades de diverso tipo, así como de emerxencia social ou de conciliación e reactivación socio-demográfica", explicou a deputada.

Por outra banda outra tamén se aprobou a resolución da convocatoria de axudas a concellos para a organización de actividades culturais e recreativas correspondentes ao 2018, pola cal o ente provincial destina un total de 100.000 euros en axudas a 98 proxectos culturais de 55 municipios da provincia.


Escolas de Artes e Gaitas


Continuando en materia cultural, a Xunta de Goberno aprobou a programación anual e os prezos públicos tanto da Escola de Artes e Oficios como da Escola de Gaitas para o curso 2018-2019. De tal modo que, a Escola de Artes e Oficios ofrecerá no vindeiro curso as seguintes accións formativas: debuxo e iniciación á pintura, perfeccionamento en pintura, talla e escultura en madeira, modelado-escultura en barro e olería.

O calendario dos cursos será do día 1 de outubro de 2018 ao 30 de xuño de 2019

Durante o curso, impartiranse tres horas de docencia diarias de cada disciplina en días hábiles, de luns a venres, e en horarios que fixará a dirección da Escola. As clases terán lugar nas aulas da Escola de Artes e Oficios da Deputación.

Os interesados en participar nestas accións formativas teñen de prazo para inscribirse do 1 ao 30 de setembro no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación. Poderán matricularse alumnos a partir dos 12 anos de idade.

En canto aos prezos públicos, a matrícula anual por disciplina é de 50 euros e o abono mensual por disciplina de 10 euros ao mes por alumnos. A matrícula deberá abonarse no momento da inscrición e a cota mensual deberá efectuarse por adiantado nos primeiros cinco días de cada mes. 

Pola súa parte, a Escola de Gaitas da Deputación de Ourense ofrecerá durante o curso 2018-2019 as seguintes accións formativas: ciclo elemental de gaita, ciclo medio de gaita, ciclo superior de gaita, curso especial para adultos de gaita, percusión, canto e pandeireta, curso para adultos de canto e pandeireta e zanfona. As actividades comezarán o día 1 de outubro de 2018 e finalizarán o 29 de xuño de 2019, e impartiranse hora e media semanal por materia, aparte do mesmo tempo de ensaio semanal e das actuacións coas distintas agrupacións da Escola.

Os interesados en anotarse poderán formalizar a matrícula do 3 de setembro ao 30 de outubro de 2018. No caso de que o número de solicitudes exceda ao de prazas dispoñibles, a selección dos solicitantes efectuarase mediante sorteo público. O custe da matrícula por curso académico será de 40 euros, en caso de varios membros da mesma unidade familiar, o primeiro membro pagará 40 euros por matrícula e os restantes 15 euros cada un deles. Tamén se aplicará unha bonificación do 100% aos alumnos que sexan desempregados ou fillos de desempregados.


Cooperación  


En materia de cooperación cos concellos, a Xunta de Goberno aprobou unha axuda de 23.000 euros para o Concello de Chandrexa de Queixa destinada á adquisición dun brazo de rozadora lateral; e outra axuda de 14.991 para o municipio de Oímbra para a redacción dun Plan Especial para a realización de vivendas sociais na capitalidade.

Asemade, na reunión aprobouse a modificación do Plan Provincial de Cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial do exercicio 2018 no relativo ao Concello de Avión, pola cal se incorpora ao plan principal a obra “mellora viaria municipal en Avión e Beresmo”, en substitución da obra “arranxo rede pluviais e mellora viaria municipal”, cun orzamento total de 48.000 euros.

Por último, a Xunta de Goberno aprobou a expropiación forzosa para a execución da obra de acondicionamento na OU-0502 (PP.QQ.2+100-2+250), no municipio de Coles.

Te puede interesar