A Deputación impulsa o Museo Antropolóxico da Ribeira Sacra

Estará ubicado no edificio do antigo Centro de Desenvolvemento Comarcal de Castro Caldelas

Olegario Sotelo Blanco, Sara Inés Vega e Manuel Baltar trala presentación do libro en Castro Caldelas.
Olegario Sotelo Blanco, Sara Inés Vega e Manuel Baltar trala presentación do libro en Castro Caldelas.
A Deputación impulsa o Museo Antropolóxico da Ribeira Sacra

O Museo Antropolóxico da Ribeira Sacra será pronto unha realidade. Así o anunciou onte o presidente da Deputación Provincial, Manuel Baltar, no transcurso do acto de presentación do libro "Quintela de Mazaira. Terra e xente", obra do intelectual Olegario Sotelo Blanco. A presentación tivo  lugar onte pola mañá en Castro Caldelas e contou coa presencia do autor do libro, do presidente da Deputación provincial, a alcaldesa, Sara Inés Vega, e numerosos veciños.

Segundo afirmou Manuel Baltar, o futuro Museo será un espazo expositivo que terá como obxectivo "potenciar o valor cultural e etnográfico dunha das comarcas galegas máis importantes desde o punto de vista histórico e monumental".

O Museo ubicarase no edificio que albergou no seu día o Centro de Desenvolvemento Comarcal de Castro Caldelas, que foi cedido pola Xunta de Galicia á Deputación de Ourense tralas xestións realizadas por Manuel Baltar. O obxectivo destas xestións era "dispoñer dunhas instalacións que contribúan a seguir promovendo e potenciando o turismo cultural e o valor histórico e patrimonial da Ribeira Sacra". A Deputación de Ourense lembra que impulsou a iniciativa para que este territorio sexa recoñecido como Patrimonio Mundial pola Unesco, un proxecto no que a institución provincial participa conxuntamente coa Xunta de Galicia, a Deputación de Lugo e os concellos de Ourense e Lugo que están integrados na Ribeira Sacra.

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, considera de gran relevancia esta nova infraestrutura museística que se vai poñer en marcha en Castro Caldelas, afirmando que "será importante non só para Caldelas, senón tamén para toda a provincia de Ourense e para Galicia, e desde a Deputación de Ourense sentímonos ledos de colaborar para potenciar a rica oferta cultural da Ribeira Sacra e da provincia de Ourense".

Pola súa banda, a alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega, mostrouse orgullosa "polo que suporá para Castro Caldelas contar con este novo espazo expositivo para a cultura, a historia e as tradicións da nosa comarca, que será un punto de encontro para atraer investigadores e turistas".