ARTE ET ALIA

O que se desvela a fotografía aérea

<p></p>
photo_camera O castro de Barbantes e o impacto da construcción da autostrada.

O fotógrafo gasteiztarra quere facermos deambular polos espazos nos que o lixo das cidades se acumula, afastado delas

Subamos ata os altos do seminario maior e descubramos Ourense, e farémolo dende o coñecemento derivado do distanciamento dende a mirada que se volve analítica, xa que logo somos agora quen de ver as cousas. A mirada dende o ceo, propia de paxaros e deuses, é outra, e dende fai cen anos co prodixio da aviación é tamén nosa. Ela é o fío condutor da exposición de Jon Gorospe, de Gasteitz (Álava), cos seus ‘Environments’ no OutonoFotográfico XXXV do MºMunicipal, e o MuseoArq de Ourense, con ‘Voando o pasado. Fotografía aérea e arqueoloxía en Galicia’, coordinada por Xulio Rodríguez e Manuel Xusto.

O fotógrafo gasteiztarra quere facermos deambular polos espazos nos que o lixo das cidades se acumula, afastado delas. Lonxe lonxe, que cheira e fede, e por elo a consciente escuridade das fotos, cor de base dende a que emerxen as estruturas de acumulación e reciclaxe dos diversos residuos humanos... Mais nas series de fotos que se poden ver nas paredes e nos pedestais cúbicos máis baixos, co que temos a sensación da vista da cámara no dron, hai máis pois cada unha delas leva coordenadas, co que a ubicación faise precisa, aínda que para elo debamos converter o código identificativo cartesiano nun topónimo, ou lugar, co que o traballo de Gorospe é unha sorte de ‘sistema de balizas’ destes espazos opacos onde van, lonxe de nós, os refugallos. Son apenas unhas chiscadelas aos escenarios arredor de nós desde hai anos, unha paisaxe case de película apocalíptica que xa está aquí. A mostra foi Premio Galicia de Fotografía Contemporánea 2016, un traballo fotográfico e audiovisual que se puido ver no Pazo de San Marcos de Lugo o fai un ano, e que dous anos antes fora exhibida no Centro Cultural Montehermoso Kulturunea, o fermoso Pazo dos Aguirre de Vitoria, a cidade verde.

A Arqueoloxía

Na sala da Praza maior o Arqueolóxico amósanos o rico patrimonio arqueolóxico do noso País Galego. Dende paneis fotográficos con imaxes oblicuas a cor dos anos noventa, outras verticais dos anos 1956-1957, o voo interministerial 1973-1986 e o Voo americano, rexistros todos da fototeca dixital do Instituto Geográfico Nacional. Hai ademais en vitrina libros, e algunhas cámaras, maquetas e fotografías con lupa, abano co que podermos facer idea das posibilidades para coñecer e recuperar mais tamén preservar o noso. Eis o proxecto expositivo case unha reivindicación da importancia do Instituto Padre Sarmiento de Estudios Galegos, creado en 1943, e da Sección de Arqueoloxía do, daquela na vangarda. Vemos aquí castros marítimos, no cumio de outeiros, e ladeiras, nun meandro dun río ou tamén en explanadas. E con eles exemplos da romanización e dos castelos medievais. Esta técnica da fotografía aérea, que denantes era auxiliar e agora fundamental axúdanos á recuperación da nosa memoria arqueolóxica. Na expo brilla a maqueta de 1997 do castro de Barbantes (as Laias, o Castelo) que non aparece no catálogo. Obra de Miguel Ángel López Marcos e Pablo López González, reproduce o que desapareceu coa autoestrada. Ámbalas dúas exposicións continuaran cando rematen un camiño de itinerancia cara outras cidades.

Te puede interesar