arte et alia

A dieta da dobre páxina

a_dieta_de_ls_result
photo_camera A dieta de Leandro Sánchez.

A escritura e os libros uniu en amizade  a Pepe Cáccamo con Baldo Ramos, sendo quen de "atopar un consenso creativo"

Celso Emilio Ferreiro Míguez, o imorrente poeta celanovés, uniu a Baldo Ramos e a Pepe Cáccamo arredor da imaxe poética. Así ten sido en Cara inversa, de 2014, e Libros conversos, fai dous anos. Nelas a poesía levou o peso dos proxectos, mais desta volta con "A dobre páxina", fixeron unha exposición conceptual co libro vello ou antigo como lenzo. Co volume aberto, cada un deles traballa a súa linguaxe nun diálogo converxente dende a complementariedade, «a dúas mans, de páxina a páxina», como dixeron. A poesía visual tenta abrirse paso coas distintas intervencións nos libros a partir dunha gran obra na proa da sala de Afundación, vinte libros velados e cruzados por un arame, e no centro daquela unha vitrina cunha instalación sobre libros, a bombilla con paxariños de papel, e a copa para o brinde... Noutra das obras propóñenos comer albóndega e tarta do texto impreso coa tinta, como a que ten o prato. Os libros de vello, o de arquitecturas debuxadas e a guía de teléfono abertos pola folla de Celanova, a Perfecta Casada de Frei Luís de León, os dos lapis-vermes, ou o escollido como cartolina da exposición con un niño sobre unha páxina manuscrito do século XVII e as frases de artista impresas, e con lene marca a frase «lo que coloca al artista en situación heroica es la condición precaria de la obra» son murmurio e marca súa. 

O vigués Xosé María Álvarez Cáccamo (1950), de quen veño de ler un fermosísimo libro, "Tinta de luz", ilustrado pola súa irmá Berta, artista plástica conceptual ben coñecida, falecida sorprendentemente na primavera deste ano. Un escritor de ensaio, teatro, literatura infantil, e narrativa, mais o centro da súa produción dende 1983 é a poesía. Excelente o diálogo co celanovés Baldomero Fernández Ramos ( 1971), pintor e artista doutra xeración, que ten feito libros de artista e diferentes obras en poesía dende "Raizames", en 2001, sendo o máis recente "Cartas dende o esquenzo", outro diálogo entre linguaxes, o do pai con Alzheimer e o dos fillos. A escrita e os libros uniunos en amizade, sendo quen «de atopar un consenso creativo e construír un diálogo de humildade e respecto cara o outro». A peza que contén a Foucault e Gallup resulta esclarecedora pola cores, e a dos pinceis sobresaíndo resulta unha espléndida imaxe da súa poesía visual.


A dieta LS


Un mexillón e uns ovos fritos, as marabillosas berenxenas, ou as cordas, son os motivos xa usuais do restaurador mallorquino Leandro Sánchez (1946), asentado en Ourense tras corenta anos de profesión na súa terra insular, principalmente. Un de nós xa, tras mudarse fai máis de tres lustros, tense ido facendo un nome como artista do trampantojo, unha carreira balizada en todas as salas da cidade, e noutros puntos de Galicia en mostras individuais e colectivas. Agora amplía o repertorio a peixes e mariscos, que coloca sobre pratos de louza a modo de lenzo... Trala firma LS, hai sempre nas súas propostas a tensión da verosimilitude co modelo elixido, un reto que tende a esgotarse en si mesmo.

Te puede interesar