TEATRO

A Deputación estuda un premio en homenaxe a Carlos Casares

Manuel Baltar, con Xosé A. Perozo, editores e representantes de Gálix_result
photo_camera David Cortizo, Antonio Seijas, Xosé A. Perozo, Manuel Baltar e Mercedes Pacheco.

O galardón tería como obxectivo promocionar a produción de teatro infantil e xuvenil en galego

A Deputación de Ourense estuda a creación dun premio de teatro infantil e xuvenil en lingua galega que leve o nome do escritor ourensán Carlos Casares, autor a quen se lle dedicou este ano o Día das Letras Galegas, tras a proposta realizada pola Asociación Galega de Literatura Infantil e Xuvenil (Gálix). 

O presidente provincial, Manuel Baltar, analizou esta idea na reunión que mantivo con editores e representantes desta entidade cultural. A este encontro, acudiron o presidente de Gálix e da Organización Española para la Literatura Infantil, Xosé Antonio Perozo; o ilustrador Antonio Seijas, vicepresidente da asociación; e os editores Mercedes Pacheco, de Auga Editora, e David Cortizo, de Urco Editora. 

Tanto a institución provincial como Gálix valoran levar a cabo conxuntamente esta iniciativa cultural co obxectivo de "fomentar a produción de textos dramáticos en galego dirixidos ao público infantil e xuvenil e propiciar a posta en escena dos mesmos, así como a súa edición en formato libro", segundo fixeron público. 

Baltar destacou a importancia de "seguir potenciando a figura de Carlos Casares, un dos grandes das nosas letras", un escritor cuxa obra é para todos os públicos, motivo polo cal, engadiu Baltar, "entre todos nós  temos a obriga de difundila e achegala ao maior número de persoas por medio de diferentes formatos literarios e artísticos, ademais de promover a creación e a innovación no ámbito cultural".

CARÁCTER ANUAL

 Este premio Carlos Casares de teatro infantil e xuvenil tería carácter anual e a súa convocatoria coincidiría coa data de nacemento do escritor ourensán, o 24 de agosto, así como o ditame do xurado, que sería na mesma data, xa en 2018. 

Ademais, o Teatro Principal de Ourense acollería posteriormente, no Nadal dese ano, a representación da obra premiada.

Coa convocatoria deste premio, a Deputación de Ourense seguiría o ronsel dunha vella tradición de fomento do teatro galego, que no século pasado tivo na provincia ourensá unha grande importancia para o desenvolvemento da cultura galega. 

Te puede interesar