ENTREVISTA

Chus Pato: "O discurso fala do poema como ruína e da metáfora"

<p></p>
photo_camera A escritora ourensá Chus Pato.

A poeta ourensá María Xesús Pato Díaz, coñecida coma Chus Pato, ingresa hoxe na Real Academia Galega como membro de número, nunha sesión extraordinaria e pública que terá lugar no IES Otero Pedrayo ás 12 horas.

A escritora regresa ao instituto do que foi alumna, agora para ler o discurso de entrada na institución, titulado "Baixo o límite". O académico de número Francisco Fernández Rei será o encargado da resposta en nome dunha institución que aposta por "nutrirse de novas perspectivas e avanzar na incorporación das mulleres". Chus Pato convertirase na sexta voz feminina do plenario-tralo recente falecemento de Xohana Torres-, e ocupará a cadeira que quedou vacante tralo pasamento do tamén ourensán Xosé Fernández Ferreiro.

A condición feminina e o país marcan o compromiso ético da voz rupturista da autora, cuxas obras foron traducidas ao español, inglés, portugués, serbio, polaco, alemán, italiano ou árabe clásico, entre outros idiomas.

Voltará ao instituto para ler o discurso de entrada na RAG. Que queda daquela moza do IES Otero Pedrayo?

Quedan restos de inocencia, de sorpresa ante o mundo, de asombro, de solidaridade e de corazón, que o tempo non logrou destruir. Por outro lado, queda tamén a intelixencia.

Regresaría a algunha outra etapa?

Eu non son unha persoa de mirar moito para atrás, a miña obra está publicada co meu nome e non teño ningún conflito con ela. O escrito xa está escrito.

Dicía noutra entrevista en La Región que co poemario "m-Talá" soltou as amarras e lanzouse ao vacío. Como percibe as novas xeracións da literatura galega? Lánzanse ao vacío?

Non creo nas xeracións poéticas, o fenómeno "xeración" non me interesa moito. Da xente máis nova hai autores e autoras formidables que poñen todo o que teñen que poñer nos seus escritos. Hai poetas xóvenes extraordinarios hoxe en día.

Vese reflexada ou conecta con algunha destas voces?

Sí, teño relacións de amizade e admiración con xente nova.

Algún nome destacado?

Citaría que no que estou escribindo actualmente recibo unha forte influencia de Francisco Cortegoso.

Volvendo ao discurso. O título é "Baixo o límite".

Intentei achegarme a un tema tan esquivo como é a poesía, o poema e o poeta. No discurso tratei temas que me inquietan como a voz libre da linguaxe, a voz unha vez que se lle subtrae a articulación verbal. Tratarei tamén da imposible concordancia destes dous grandes extremos da linguaxe que son a súa función conceptual e a súa función musical e a imposibilidade de coincidencia. É dicir, falarei da metáfora, do concepto de poema como ruína e da concepción do poeta como resto ou testemuña.

O concepto de límite...

É complexo falar do límite, é un concepto filosófico. O que vai significar é aquilo que ten límite dentro do discurso. Eu concibo o poema coma un ser limitado pero que dalgunha maneira se abre a aquilo que non ten límite.

As últimas estatísticas de número de galegofalantes son preocupantes. Como se pode loitar contra estas cifras?

Non o sei. O único que sei é que cando un idioma se perde ten unhas motivacións e unhas causas. O que acontece é que os falantes deciden non falalo e para que os falantes decidan non falar un idioma o que acontece é que están sometidos a presións e eles aceptan que dalgunha maneira se lles amosa como que o idioma que falan non é valido. Estamos falando de políticas lingüísticas, se o galego se perde será porque os falantes deixen de falalo, e a razón de que os falantes deixen de falalo é que as políticas lingüísticas adoptadas van encamiñadas a esa consigna.¡

Aínda que non haxa fórmulas, dende unha institución como a RAG, agora que formará parte dela, que cre que se pode facer?

Teño que insistir en que eu aínda non coñezo de forma pormenorizada como funciona a institución, pero a Real Academia Galega leva dende a súa fundación loitando pola permanencia do idioma de moitas e moi diversas maneiras.

Noutra ocasión comentou que a súa poesía ten “a forma de Ourense" e así o reflexa. Haberá oco para a cidade no seu discurso de entrada na RAG?

No meu discurso vou a falar da poesía e do poema, pero eu elixín Ourense para lelo e o instituto Otero Pedrayo, onde fun alumna. O Paraninfo é o lugar onde toda a miña xeración fixo o ingreso para o Bacharelato. Aí radica a parte sentimental. 

Te puede interesar