Doce ourensáns farán prácticas en Lisboa e Palermo coa Galeuropa

A recepción de candidaturas, que comezou este mes, permanecerá aberta ata o vindeiro xoves 16 de agosto

A Asociación Universitaria de Ciencias da Educación (AUCE) levará a 12 ourensáns a realizar prácticas formativas de tres meses en Lisboa (Portugal) ou Palermo (Italia), tras  ser beneficiaria por cuarto ano consecutivo do programa Galeuropa, financiado pola Consellería de Política Social da Xunta a través da Dirección Xeral de Xuventude Participación e Voluntariado e o Fondo Social Europeo.

O obxectivo é ofrecer á mocidade a oportunidade de mellorar a súa formación e competencias laborais noutro país da Unión Europea. 

As persoas participantes nas mobilidades, que se desenvolverán entre setembro e novembro, recibirán apoio económico para a cobertura de gastos, para o cal deberán ser menores de 30 anos e estar inscritos no sistema nacional de Garantía Xuvenil. A iniciativa, enmarcada en Galeuropa,  ofrecerá oito prazas en Lisboa e catro en Palermo. 


Un novo destino


AUCE oferta un novo destino para este ano: Palermo. Na capital de Sicilia, catro persoas seleccionadas poderán desenvolver as súas prácticas profesionais baixo o amparo do Centro de Estudios e Iniciativas Europeo.

Ademais da cidade italiana, a asociación universitaria tamén oferta oito prazas na capital portuguesa, na que continúa a traballar co Clube Intercultural Europeu, entidade coa que leva colaborando desde 2015.

A recepción de candidaturas, que comezou este mes, permanecerá aberta ata o vindeiro xoves 16 de agosto. As persoas interesadas deberán enviar o seu currículo e unha carta de motivación a [email protected]

Te puede interesar