CULTURA

Dous poetas para (re)coñecer

O convencemento de que as homenaxes han de facerse en vida marca o Día Mundial da Poesía en Ourense, que o próximo mércores ensalzará as figuras de Eduardo Ananín e Serafín Marqués, poetas ourensáns, en sendos actos. 

Os que coñecen a Eduardo González Ananín din que sempre saúda cunha aperta, unha sensibilidade que se estende á súa obra literaria. De Serafín Marqués, deán honorífico da Catedral, subliñan os seus amigos o amor por Ourense e polo patrimonio máis importante da cidade. Os dous son protagonistas de senllas homenaxes, co gallo do Día Mundial da Poesía, que se celebra o próximo 21 de marzo, no Liceo.

"Un home empadroado en existenciais exilios, que conviviu coa saudade e profillouna como camiño de retorno", definen dende o Liceo ao poeta Eduardo González Ananín, que cumpre 92 anos o próximo mes de abril. "A súa vida foi entre Galicia e Bos Aires, pero cando estaba fóra sempre desexaba volver. Esa nostalxia quedoulle gravada", explica José Luis Troitiña, xerente do Liceo ourensán, a entidade que organiza o acto. Ananín emigrou a Arxentina en 1951 e regresou ao seu Ourense natal en 1983, pero durante os 30 anos que estivo ao outro lado do charco, sempre volveu á terra, alternando estancias.

Ananín participou no grupo literario Dolmen, creado nos anos 90 en Ourense. Un home comprometido co seu tempo, publicou tanto en castelán como en galego. "Alegato contra casi todo" é un dos seus traballos, exemplo da denuncia social que empregaba nos seus versos. "Ananín é un poeta fundamentalmente civil, cunha denuncia constante, rebélase en contra das inxustizas", defíneo Manuel Blanco, con quen compartiu tertulia literaria no grupo Dolmen, e quen fará un recital durante o acto, xunto a Carmen Lorenzo e Teresa Devesa, que tamén fomaron parte do grupo creado en 1991. No evento, participarán o pianista Ángel Losada Nine; Xavier Casares, presidente do Liceo; o profesor Ramón Cao; o cantautor Emilio Rúa, e a coral De Ruada. A homenaxe en vida a Ananín servirá para recoñecer–ou coñecer– a un poeta do que din que non se gababa a si mesmo, malia súa capacidade creativa e a súa poesía de denuncia. "É importante escoitar a súa voz na nosa provincia", conta Blanco.

Os versos do deán

Na parroquia de Paizás, en Ramirás, naceu hai 88 anos Serafín Marqués Gil. Teólogo e poeta, foi deán da Catedral durante oito anos, un cargo que hoxe aínda leva o seu nome co título de "Honorífico". "María", o seu último poemario, adicado á súa nai, preséntase no Liceo co gallo do Día Mundial da Poesía. "Para la Catedral fue un ejemplo a seguir", explican dende a Asociación de Amigos de la Catedral, entidade fundada polo homenaxeado e organizadora do acto. Como persoa, os achegados sinalan a un home "que non se da importancia a si mesmo, humilde de corazón". Gañou o primeiro premio do certame de poesía "Cidade de Ourense" en 2005. Algúns dos títulos das súas obras son: "Anacos de vida", "Más allá del horizonte", "Ventos da terra" ou "El rey Homicida". O último, "María", será acollido no Liceo nun acto no que participarán o arquiveiro da Catedral, Miguel Ángel González, e a xornalista Mariluz Villar. Na homenaxe tamén se entregará aos socios a revista da Asociación de Amigos de la Catedral. Dúas homenaxes a dous poetas que Ourense aínda debería escoitar. 

Ourense. 18-10-2011. Presentación en el Ateneo del poemario de Eduardo González Ananín. Eduardo González Ananín . José PazA poesía do éxodo, a sensibilidad de Eduardo Ananín

Natural de Tibiás, en Pereiro de Aguiar, Eduardo González Ananín foi membro do grupo literario Dolmen, creado nos anos noventa na cidade. Emigrado a Arxentina, alternou estancias con Galicia durante 30 anos. A súa poesía, a voz da denuncia social e do rexeitamento ás inxustizas, publicouse en poemarios colectivos e en individuais, tanto en castelán como en galego. "Rol de cantárida", "Tiempo inesperado", "Subida al mar" ou "Tierra compartida" son algúns dos títulos da súa obra literaria. En Bos Aires tamén participou en programas radiofónicos como "Recordando a Galicia" ou "Palabra Invicta".

Trasalba. 28-06-2015. Entrega premio Trasalba a Antón Pulido. Serafín Marqués, Antón Pulido, Bieito Ledo. José PazSerafín Marqués Gil, poeta e gran amigo da catedral 

Serafín Marqués Gil naceu un 23 de xullo de 1930 en Outeiro de Paizás (Ramirás). Estudou no Seminario de Ourense e lincenciouse en Teoloxía pola Universidade Pontificia de Salamanca. Foi profesor no Seminario e no instituto Otero Pedrayo. Deán honorífico, fundou a Asociación de Amigos da Catedral. A poesía ocupou gran parte da súa vida, publicando case unha decena de títulos e gañando varios concursos literarios, entre eles o Certame de Poesía "Cidade de Ourense", en 2005. "María", o seu último poemario, que se presenta o próximo mércores no Liceo, son versos que adica á súa nai. 

Te puede interesar