OURENROCK - ENTREVISTA

"El Drogas é unha aposta forte do Ourenrock, cunha colaboración sorpresa no escenario"

OURENSE. 28/05/2018 Plaza As Mercedes. Ruben, organizador del festival OureRock. Foto: Miguel Angel
photo_camera Rubén Álvarez, un dos organizadores. (M. ÁNGEL)

Rubén Álvarez é un dos organizadores da terceira edición do Ourenrock, que terá lugar en Benposta os días 8 e 9 de xuño

A terceira edición do festival OurenRock, que se celebra en Benposta os próximos 8 e 9 de xuño, chega cun cartel máis internacional e con algunha presentación de artistas galegos. Riot Propaganda e El Drogas son dous dos nomes máis esperados polo asistentes, que xa poden retirar os seus abonos.  O prezo será de 30 euros a entrada anticipada para os dous días, con acampada incluida, ou 20 euros para unha xornada. As entradas en taquilla terán un prezo de 38 euros para os dous días e 25 para un día.  

O festival internacionalízase?

Si, esa é idea. Traer grupos de fóra coma os húngaros BohemianBetyars ou os italiáns Talco, os reis europeos do ska.

Que significa ter estes grupos en Ourense?

Son grupos que non virían a tocar nun auditorio ou nun teatro pola infraestrutura que necesitan. 

Cre que a xuventude ourensá apoia ao rock?

Ourense sempre foi unha cidade de rock, o tema é que as novas xeracións escoitan outras cousas, por iso é complicado atraelos. Para o ano que vén o cartel será máis alternativo, dándolle outro enfoque.

E as bandas ourensás e galegas, cal é o programa deste ano?

Nesta edición tentamos tirar polo hip-hop. Rebeliom do inframundo, por exemplo, será un concertazo. A sesión vermú de Blues do Pais tamén será un espectáculo. Pauliña, artista de Cambados pero moi vinculada a Ourense, presentará o seu disco en primicia no festival.

E cal cre que será a aposta máis forte?

Ademais de Talco e Bohemian, temos a El Drogas, que parará a finais de ano e será unha das únicas oportunidades para velo. Con el haberá unha sorpresa de colaboración no escenario.

E Riot Propaganda, que se separará en setembro, tamén será un reclamo para acudir a citas "únicas" no OurenRock?

Si. Xa anunciaran no seu día que o proxecto tiña data de caducidade. Será un directazo e unha oportunidade única, no marco da situación actual de España con temas coma o de Valtonyc (o rapeiro condenado polas súas letras). 

Continúan co proxecto de actividades paralelas aos concertos.

Si, haberá un obradoiro de alfarería e outro de construción de guitarras. A barbería de Derek Ivanich tamén estará presente con demostracións en directo. Unha das novidades nas que o OurenRock é un dos festivais pioneiros de Galicia é a incorporación do "Punto Lila" da Marcha Mundial das Mulleres de Galicia. Haberá un stand con información e irán cun brazalete polo recinto, controlando que non haxe ninguén que se pase da raia. Queremos impulsar festivais sen violencia machista. Outra novidade son as pulseiras intelixentes para o festival.

Te puede interesar