entrevista

Eira Losada: "Fago vídeos en galego porque é a lingua que falo e na que me sae"

idr_7616_result
photo_camera Eira Losada, no Liceo de Ourense. (I. DACAL)

A ourensá recibiu o galardón á mellor canle nos Premios Youtubeir@s

Vén de gañar o premio á mellor canle de Youtube en galego no concurso Youtubeir@s organizado por concellos e universidades,  para premiar os mellores vídeos en galego. É youtubeira desde hai tres anos e ten 170 suscritores. O ano pasado chegou á final e desta volta, esta alumna da Universidade Laboral conquistou a un xurado que valorou "como sabe reflexar o videoblogging actual".

A quen se dirixe a súa canle?

É un pouco de todo. Fago desde recomendacións de libros a vídeos de maquillaxe, receitas...Falo cara a cara co espectador e opinando. Estou moi satisfeita  polo seguimento.

Cando xurdiu a idea de creala?

Hai polo menos tres anos. Primeiro saquei vídeos que agora xa non están, porque os ocultei, xa que eran de cando era máis pequena. Empecei a ver vídeos de Youtube cando era a moda das gomiñas para  facer pulseiras e todo iso. Vin eses vídeos e dixen, por que non lanzarme? 

Houbo axuda externa ou foi un proceso totalmente autodidacta?

Empecei editando algún vídeo e fun aprendendo soíña, fun autodidacta. Aprendín con outros vídeos. Ademais, sempre controlei de ordenadores e sempre me gustou a edición. 

Vese no futuro como influencer?

Máis que orientarme ao mundo influencer, gustaríame algo relacionado coa comunicación audiovisual. Isto é un hobby, non me vexo vivindo disto.

Que tal en número de visitas?

Estou bastante contenta co número de  suscritores que teño para ser o meu contido integramente en galego. Facer o contido en galego claramente non vai chegar ao mesmo público que se o fas en castelán. Pero estou contenta, porque non busco millóns de visualizacións. 

É unha pregunta que non debería ter sentido pero, por que en galego?

Non se me ocorreu facelo en castelán. Sempre falaba en galego e parecíame o máis normal facelo nesa lingua. Pero é certo que cando lle fun dicindo á xente que tiña canle en Youtube, moitos preguntábanme por que non a facía en castelán. Aí deime conta de que o fago en galego porque é a lingua que falo  e na que me sae facer as cousas.

Fai falto máis pulo ao galego?

Creo que ten que estar máis normalizado, sobre todo na xente da miña idade, que ten que consumir máis contidos en galego. 

Te puede interesar