OURENSE

Os escolares aprenderán emprendemento con Coren

Un total de 63 centros de ensino de toda Galicia participarán nunha iniciativa posta en marcha pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en colaboración coa Fundación Coren

Un total de 63 centros de ensino de toda Galicia participarán nunha iniciativa posta en marcha pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en colaboración coa Fundación Coren para promover o espírito emprendedor entre os máis novos. Ao abeiro desta iniciativa que se leva a cabo durante este curso 2014-2015 desenvólvense catro programas diferentes, dous deles – "Agroeduca" e "Agroemprende"- cunha duración de unha xornada e os outros dous – "Ecogranxa" e "Eco Farma Kids" cunha duración de cinco xornadas.

Un total de 35 centros de Educación Infantil, de Primaria e de 1º de ESO foron seleccionados para participar no programa "Agroeduca", que se desenvolverá nas instalacións da Agroescola da Fundación Coren e que inclúe unha visita opcional á granxa de porcino da empresa. Os 1.510 alumnos participantes crearán unha cooperativa agrícola e gandeira, na que realizarán tarefas de incubación de poliños, xerminación de plantas na horta ou no invernadoiro, e de coidado de animais –pitos, coellos, porcos ou ovellas-.

Nestas mesmas instalacións desenvolverase o programa "Agroemprende", dirixido ao alumnado de 2º, 3º e 4º de ESO e de FP de grao medio e para o cal hai concedidas visitas a un total de 28 colexios e 1.130 nenos. Neste caso os estudantes coñecerán a historia do cooperativismo e da propia Cooperativa Coren antes de participaren eles mesmos na creación dunha cooperativa gandeira, identificando as necesidade da contorna e ideando un plan de negocio. Entre as tarefas que terán que desenvolver atópanse o control de gastos e beneficios, o coidado da calidade dos produtos e do medioambiente ou a prevención de riscos, entre outras.

En ambos casos, as actividades completaranse, así mesmo, cunha visita ao Museo do Cooperativismo da fundación.

Te puede interesar