TESTEMUÑAS DA MEMORIA

Marta Sebastián, de Baños de Molgas a Mozambique

Escritora aínda nova que naceu en Madrid, pero, por suposto, molguesa (a ver se...), que se lanzou ó pozo sen fondo da aventura literaria e coa intención de publicar a súa primeira novela, “Remendos do pasado”

Marta Sebastián Pérez, na aldea de Nwachicoluane, da provincia de Gaza, no centro de Mozambique.
Marta Sebastián Pérez, na aldea de Nwachicoluane, da provincia de Gaza, no centro de Mozambique.
Marta Sebastián, de Baños de Molgas a Mozambique

Teño varias ducias de libros escritos, pero a miña nugalla é tan grande que, non é que non intente publicalos, é que xa para un que rexistrei en Madrid tivo que levarme arrastras unha compañeira de traballo. O motivo de non rexistralos: a nugalla e o medo ó papelame cos seus correspondentes paseos. Por iso admiro tanto a esa xente que, co primeiro, e sen axuda de ninguén, lánzase á aventura e publican. Levarán a procesión por dentro, pero fan de tripas corazón e lánzanse a un traballo esgotador. Si, esgotador; porque publicar un libro pola túa conta ten que ser un crebacabezas de moito coidado e, imaxino, que un bo golpe para as arcas económicas do seu peto. E se non que llo pregunten a Marta Sebastián Pérez.

Escritora aínda nova que naceu en Madrid, pero, por suposto, molguesa (a ver se...), que se lanzou ó pozo sen fondo da aventura literaria e coa intención de publicar a súa primeira novela, “Remendos do pasado”, e... conseguiuno! Non hai moito presentouno na libraría Eixo da nosa cidade.

Como non ía conseguilo sabendo logo do currículo desta rapaza! Unha rapaza que, de golpe a porrazo, no mellorciño da vida e cando practicamente tiña esta resolta, vai e colleu as maletas, os trebellos para largar a Mozambique. A Mozambique!, alá no quinto carallo africano ou no cu do mundo, a case oito mil quilómetros en liña recta! A quen se lle ocorre! Fixo primeiro, iso si, parada e fonda nunha vila de Barcelona durante seis meses, para formarse un chisquiño como voluntaria dunha ONG. Como un cu inquieto, xa estaba no país africano, onde botou outros tantos meses ensinando e enriquecéndose. Porque eu son dos que digo que un país deses, que unha vida nun país deses ten que enriquecer moito. Alí formou profesores e crearon unha gardaría para nenos orfos da aldea. A maiores, e como imaxino, axudaron en todo o habido e por haber. Ata agora só tiña na cabeza o detalle das novenas dos Milagres, onde se dicía que tal ou cal cura viña das misións en África ou América Latina. Por fin coñezo a unha auténtica misioneira! Porque hai que ter bemoles para deixalo todo e marchar de voluntaria a Mozambique, sendo muller e noviña.

Marta Sebastián Pérez estudou maxisterio de inglés na universidade de Alcalá de Henares, fixo o parón de Mozambique e de Barcelona (porque ó volver do país africano seguiu un ano máis coa ONG na vila barcelonesa), e agora xa volve estar estudando Pedagoxía pola UNED, a universidade a distancia.

Marta non lembra realmente cando empezou a escribir, pero si sabe que ós 10 anos xa enzoufaba, enlarafuzaba cadernos con historias nas que, por suposto e normal (era unha nena), ela e as súas amigas eran as auténticas protagonistas. Ela mesma confesa que quizais empezase a escribir antes que a andar e a soñar antes que a ver. Neniña, sigue escribindo e soñando para que nos fagas fantasiar tamén a nós con esa cabeciña que tes, tan inquieta pero tan ben amoblada. E como son cinéfilo métome na “Guerra das Galaxias” para dicirche “que a sorte te acompañe”. De verdade que a mereces.

Agora, a editorial Tagus (unha desas que publican en formato dixital) xa lle prometeu que “Remendos do pasado” sairá no próximo xaneiro, aí, á volta da esquina. Seguro que será todo un éxito. Ten que ser un éxito para que nos siga recompensando con máis remendos ou con máis cosidos. É igual; o caso é que as súas palabras formen un traxe co que nos sintamos a gusto.

chitomolgas59@gmail.com