'A Esmorga' sae a conquista do mercado con 10.000 copias en DVD

No 2016 está prevista a distribución en América, con especial atención a Arxentina

O director da película “A Esmorga”, o gran acontecemento cinematográfico en Galicia ao longo do último ano, pasou onte polo Festival de Cine de Ourense para anunciar a posta á venda de 10.000 copias do filme en DVD. Ignacio Vilar está acompañado na campaña de promoción por Miguel de Lira e Antonio Durán “Morris”, aos que mañán se unirá Karra Elejalde (estarán os catro no Centro Comercial Ponte Vella), os tres protagonistas que deron vida a Cibrán, Milhomes e Bocas, respectivamente, na película. A segunda gran nova en relación ca película anunciouna Vilar, dando a coñecer que na próxima primaveira iniciarán a promoción en Latinoamérica, “especialmente en Arxentina, onde hai unha importante colonia galega e onde Eduardo Blanco Amor escribiu a novela”. Será, probablemente, nas datas coincidentes ca Feira do Libro de Buenos Aires, que na sua próxima edición estará dedicada a Santiago de Compostela.

Presentados por César Silva, director de programación do Festival, asistiu tamén a concelleira de Cultura, Belén Iglesias, quen se destacou a “grande actividade cultural que estamos tendo esta semana en  Ourense”, e nomeadamente a saída á venda de “A Esmorga” en DVD. Asimesmo, declarouse “orgullosa” de estar no acto, pois “A Esmorga leva o nome de Ourense polo mundo adiante”.

Ignacio Vilar, pola sua banda sinalou que “eiquí empezou todo”, referíndose a que “A Esmorga” foi estreada na sesión de inauguración do Festival de Cine de Ourense na edición do ano pasado. “A Esmorga está viva, poisa inda polos cines e agora en DVD”. Tamén se amosou orgulloso de que a película “superara en permanencia na pantalla a grandes superproduccións norteamericanas e, ademáis, ainda recibe premios”, como é o caso recente de Toulouse, onde foi a gañadora ao recibir galardóns os protagonistas, a fotografía e o propio Vilar o de mellor realizador, premio creado expresamente para íl. O director engadiu que agora “estamos facendo unha gran campaña, que esperamos que tamén sexa un éxito”, dixo, apelando a que a xente “regale cine galego” polo Nadal.

Miguel de Lira subliñou que esta iniciativa da edición da película en DVD supón “unha democratización” da historia baseada na grande novela de Eduardo Blanco Amor, e iso cobra sentido especial no lugar onde o dixo, pois “Ourense é a casa de A Esmorga”. “Aquela iniciativa foi un reto que agora vemos que fomos quenes de superar”, dixo.

Antonio Durán “Morris”, pola sua banda, afirmou que “é unha felicidade ver fotos do Festival nas redes sociais, pois nacemos eiquí hai un ano, para conquistar Galicia e logo España”, na que todos eles apoiaron a promoción por toda España nunha furgoneta.

A cinta, ademáis da película, contén case 70 minutos de imaxes sucedidas ao longo do ano logo do seu estreno.

Te puede interesar