ENTREVISTA

Ethel Vázquez: “O noso compromiso é que o bus urbano chegue a San cibrao e a Valenzá en 2019"

A Coruña
Ethel Vázquez Conselleira de Infraestruturas e Vivenda
11/08/2017
Foto: Moncho Fuentes / AGN A Coruña
photo_camera Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas e Vivenda.

A conselleira de Infraestruturas explica as novidades do novo plan de transporte en Galicia e declárase "unida" a Ourense

Ethel Vázquez leva uns meses de traballo importante coa implantación do Plan de Transporte, que recolle a reordenación de case todas as liñas de autobús na provincia. Declárase "unida" a Ourense, xa que o seu primeiro traballo como enxeñeira foi na cidade, como redactora do plan de saneamento. 

Levamos unha semana de Plan de Transporte. Canto hai de traballo detrás? 

O que hai que destacar é que Galicia ten transporte, porque sen este plan quedaría sen el, porque se materializaba a renuncia de 600 liñas. Foi un ano de intenso traballo. Fixemos un esforzo titánico, puidémolo facer máis fácil, porque o regulamento europeo permitíanos recorrer á adxudicación directa, pero queríamos facer un procedemento transparente, con concorrencia e contando coas pequenas empresas. 

Que ten de positivo? 

Fixemos un modelo zonal que é o que precisa Galicia, que xa teñen en marcha outras comunidades autónomas e que nós necesitamos máis, pola dispersión territorial. Tiñamos liñas deseñadas hai décadas e este plan supón o inicio da modernización do transporte público de Galicia. Queremos facer un transporte que sirva para revivir o rural, non só para a xente maior, senón para os novos. E ademais haberá un 40% de rebaixa de prezos.

As empresas non o queren e levan protestado moito. Din que son ruinosos. É certo?

Era incoherente que dixeran que eran ruinosos e , mentres a nós facíannos chegar  gran cantidade de ofertas aos contratos con baixas importantes e nas que na xustificación recoñecían  escrito un 19,8% de beneficio industrial. 

Teme un posible boicot ao plan? 

A s empresas saben que teño a porta aberta para dialogar e o obxectivo común que nos ten que unir a todos é ter un mellor servizo. As liortas non axudan a ninguén. Saben que a Xunta ten un compromiso, xa conseguimos acordos cos sindicatos e apelo á responsabilidade das federacións de transporte. Se hai incumprimentos, haberá sancións, pero sei que as empresas queren dar o mellor servizo. 

Por que quedaron tres contratos desertos en Ourense na primeira adxudicación? 

Detectamos que non eran atractivos economicamente e incrementamos a dotación económica en 380.000 euros ao ano, e tivemos varias empresas interesadas.  Penso que o resolvemos con éxito.

Que balance fai desta primeira semana de implantación? 

Estamos a facer un seguimento exhaustivo dun plan que é moi ambicioso, con máis de 5.000 horarios e case 10.000 paradas. Como todo plan ambicioso, os primeiros días son complicados, pero as condicións melloraron e os usuarios teñen moita máis información. 

En Trives dicían que tardaban tres días en ir e volver a O Barco e solucionouse. Pode haber máis axustes? 

Arranxamos o de Trives cunha simple chamada, o que pon de manifesto que foi un erro involuntario. Causou repercusión, era un erro evidente e solucionámolo de forma inmediata. En Oímbra había unha liña a demanda e pasámola a liña regular porque nos comunicaron que tiña usuarios de forma diaria. En todos os casos que poidamos o obxectivo é mellorar o servizo. 

Pero a algún concello como Amoeiro cónstalle que non hai servizo aínda.

A día de hoxe debería prestarse mínimo o que se estaba prestando  e non consta que falte o servizo.

Haberá que reservar para usar o transporte escolar?

O modelo blinda aos escolares. Se por calquera circunstancia non sobe o neno ao bus, non se ocupará a súa praza. E os condutores subróganse, polo que serán os mesmos. As prazas de alumnos están reservadas e as vacantes utilizaranse con normalidade nas rutas que sexan de uso compartido, cuxos buses estarán rotulados para que a xente os recoñeza. Non fará falta facer reserva.

A novidade máis importantes parece o transporte baixo demanda. Realmente irán as empresas ata unha aldea a por un só viaxeiro?

É unha nova fórmula para liñas con usuarios escasos e estes terán que chamar con antelación. As  empresas deben facilitar canto antes a información aos veciños e, por suposto, deben cumprilo, porque teñen a obriga e cobran por iso. Poden facelo, iso si, poñendo un taxi ou un microbús.

Algúns alcaldes seguen a dicir que sen transporte metropolitano non hai mellora. Axudará este plan a telo?

O que está claro é que sen este plan sería imposible implantar o metropolitano, porque non habería liñas 

O metropolitano ten que chegar canto antes, porque os veciños da área de Ourense teñen dereito a ter as mesmas oportunidades que os de A Coruña e Lugo. Lembremos que no novo plan puntuamos ás empresas pola instalación de canceladoras, como paso previo. Esperamos que estea canto antes o novo contrato do urbano en Ourense, porque o compromiso é que como moi tarde en 2019 este poida ir ata A Valenzá e a San Cibrao. É unha demanda xusta e mellorará moito o servizo. 

Teremos licitación das obras da intermodal antes de  fin de ano?

A estación intermodal de Ourense contribuirá a facer cidade e revitalizará a zona. Iniciamos a tramitación para desbloquear o problemas urbanístico nun tempo prudencial, e proximamente imos pedir os informes sectoriais. Seguimos coa previsión de licitar a primeira fase da nova estación de autobuses este ano e o aparcamento subterráneo, que confinanciamos con Adif, estará canto antes.

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, chegou a dicir que a Xunta se plantexara abandonar a idea da intermodal...

A Xunta nunca pensou en renunciar a este proxecto. Traballamos moito por Ourense, ás veces case me considero concelleira de Ourense (entre risas). O alcalde sabe perfectamente que estudamos todos os proxectos que se plantexan. Agora estamos traballando da man de Patrimonio para urbanizar o espazo da capela dos Remedios. É un compromiso adquirido para esta lexislatura. 

Te puede interesar