ENTREVISTA | VIDA

Eva Cabanelas, cóctel de humor e ciencia

Portada y venia Vida a Eva Cabanelas

22-4-17
photo_camera Eva Cabanelas.

Se nunha cocteleira metemos veterinaria, monologuista e escritora, e o axitamos, o resultado é Eva Cabanelas, unha moza que sabe misturar ciencias e humor e, o máis importante, que ambos se entendan. O toque final, é que dos seus monólogos un sae aprendido, case sen querelo, e tras haber botado unhas boas risas tan necesarias nestes tempos.

Eva Cabanelas Dopazo foi un dos 16 científicos seleccionados pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) e British Council para participar nas semifinais da quinta edición de Famelab España, un concurso de monólogos científicos nos que os aspirantes deben explicar en tres minutos, dun xeito divertido, algunha cuestión científica. Tras o seu paso polo certame, traése unha grata experiencia e novas portas abertas, todo elo sen deixar de lado a faceta profesional como veterinaria, eido no que acaba de presentar a súa tese de doutoramento no Departamento de Parasitoloxía e Enfermidades Parasitarias.

Vostede é unha veterinaria que estivo nas semifinais da quinta edición de Famelab España (monólogos científicos), cómo se chega a esta conexión? 
Na miña opinión, o sentido do humor resulta fundamental cando estamos a traballar en ciencia. A investigación é unha carreira de fondo na que a motivación decae en moitas ocasións debido a factores tan diversos como a falta de resultados ou a lentitude coa que avanzas no proceso de elaboración da tese. Asimesmo, realizar actividades complementarias nese periodo contribue enormemente a manter a motivación adecuada, ademais dunha boa saúde psicolóxica. No meu caso, foi unha das principais razóns que me levaron a comezar a escribir monólogos. E de paso, sacarlle un sorriso a xente, que nunca está de mais.
E, por se queredes botar un vistazo, o monólogo que presentei nas semifinais de Barcelona de Famelab está dispoñible en Youtube, baixo o título “La receta de la ciencia”.

Foi a única representante galega no concurso, como se sentiu? 
No meu caso, chegar as semifinais foi un logro inmenso, xa que a miña participación tivo maior repercusión da imaxinada. Gracias a eso, xurdíronme novas oportunidades para seguir divulgando ciencia en Galicia.
 

Ciencias e humor... é posible entender aspectos científicos de forma amena? 
Sen dúbida. Se a ciencia se explica de xeito sinxelo, poñendo exemplos da vida cotiá, pode ser comprendida por calquera persoa. 
No meu monólogo, por exemplo, explico unha técnica de laboratorio en forma de receta de cociña.

A través do seu blogue tamén nos fai chegar pequenas pezas cargadas de humor, en que se inspira? 
Tal e como se reflicte no título do blogue, son “cousas que leo, cousas que pasan, cousas que me inspiran”. A maioría das entradas baséanse en experiencias propias, desde anécdotas da profesión veterinaria ata os meus diarios de viaxes, pasando por temas tan diversos como o amor, a amizade e a autorrealización persoal.

Na súa faceta como escritora, ten varios libros escritos, falenos deles. 
Actualmente, teño tres libros autopublicados, dispoñibles na miña páxina web. O primeiro, “Los diez mandamientos de Eva” é unha compilación de entradas do blogue clasificadas en dez bloques temáticos. O segundo, “Antoloxía feminina” é unha colección de relatos breves sobre a muller do século XXI e as súas distintas facetas como nai, amiga e namorada. O último, “Cóxegas no corazón, ollada dunha veterinaria da Galicia interior” é unha viaxe polas provincias de Lugo e Ourense, que afonda na vida e idiosincrasia do rural galego.

E, por se non fora pouco, o audiovisual é outro dos paus aos que lle da... 
O certo é que sempre tiven paixón pola interpretación. Fixen teatro na escola e no instituto e durante os meus estudos universitarios, colaborei co alumnado da Fundación TIC de Lugo na realización de pequenos proxectos audiovisuais, ademais de protagonizar a curtametraxe “Anhelarte” da Asociación “Curuxan” de Lugo. O ano pasado, o meu mozo e mais eu, resultamos gañadores do I FindeCurta da USC, coa nosa curtametraxe “Pingelap”, que foi proxectada na Semana de Cine Internacional de Lugo 2016.

Algún proxecto que nos poida (queira) desvelar.... 
Xa teño listo o meu próximo libro de compilación do blogue, que espero poder publicar a finais de ano. Por outra banda, estou a traballar nun borrador dun novo libro de relatos para un concurso literario.

E algunha receita para sorrirlle á vida?
Recomendo explorar novos campos, coñecer novas persoas e traballar en novos proxectos... alomenos eses son para mí os ingredientes necesarios para ser feliz. 

Te puede interesar