FIESTAS DE OURENSE

A Feria Medieval e Duncan Dhu, protagonistas da xornada festiva

2016-06-30-PHOTO-00002775
photo_camera La Feria Medieval en una de las plazas de la ciudad.

O mercado medieval comezará durante a xornada de hoxe e o grupo vasco abrirá os concertos do Xardín do Posio repasando a súa discografía.

Unha noite de rock en clave feminina e un reencontro coa nostalxia pop de Duncan Dhu poranlle o broche musical a unha intensa xornada das Festas de Ourense 2016 marcada pola apertura da Feira Histórica medieval, unha das citas máis esperadas polos ourensáns, e por un concerto de homenaxe a David Bowie.

O grupo vasco Duncan Dhu abrirá os concertos programados na explanada do Xardín do Posío. Mikel Erentxun e Diego Vasallo farán un repaso pola discografía da que fora unha das grandes referencias musicais españolas a finais dos 80 e nos anos 90. Será a partir das 23:00 horas, aínda que as portas de entrada abriranse dende as 21,00 horas. 

Ás dez da noite, as mulleres tomarán o escenario da Praza Maior para reivindicar un rock en clave feminina. Abrirán fogo The Tetas' Van, unha agrupación composta por cinco mulleres e un home que son especialistas en facer versións de temas clásicos, pero levando as letras ao galego e ao terreo da reivindicacións.

The Tetas' Van converten os concertos nunha estraña mestura de cabaret e concerto rock que fai das súas actuacións auténticas festas nas que combinar risa e a loita contra as inxustizas sociais.

Tralo seu paso polo escenario será a quenda de María Xosé Silvar, Sés, un dos nomes que se está a facer un oco na nova escena musical galega e que vén presentar o seu terceiro álbum “Tronzar os valos”.

Emprazamento do mercado medieval

As tendas estarán distribuídas en distintos puntos do casco histórico: na rúa Padilla, na Rúa Bailén, na rúa da Barreira, e nas prazas de A Trinidade, Saco Arce, Manuel Sueiro, da Imprenta e Ferreira. Ademais dos puntos de venda haberá oferta gastronómica de kebabs, crepes, pizzería, patacas asadas, polbo, grellada e embutidos.

Tamén están previstas actuacións a cargo de diferentes grupos de música, teatro, contacontos e espectáculos nocturnos; así como a visita de personaxes medievais, guerreiros, feiticeiros e monicreques para delicia dos nenos.

Te puede interesar