CATEDRÁTICO DE MATEMÁTICAS NA CARLOS III

Anxo Sánchez: “A Física ten moito 
que dicir na Economía ou na Socioloxía"

O ourensán Anxo Sánchez é un dos conferenciantes que participan no "XIX Congreso de Física Estatística" que hoxe comeza no Edificio Politécnico do Campus.  O catedrático exporá as súas teorías acerca das aplicacións da Física no ámbito social. 

Anxo Sánchez: “A Física ten moito 
que dicir na Economía ou na Socioloxía"

Que aplicacións ten a Física no eido social?
Pódese empregar en ciencias como a Economía ou a Socioloxía. Parece unha cousa "rara", pero a Física ten moito que dicir neses campos, porque ten unha perspectiva que os investigadores destas disciplinas non teñen. É un xeito de complementar o que eles estudan e traballan.

Hai unha base numérica no fondo dos comportamentos sociais?
Haina, e de feito, nós facemos moitos experimentos de Física nos que vemos como se comporta a xente. Cun experimento chamado "O dilema do prisioneiro", co que tratamos de ver se a xente é cooperativa ou se, polo contrario, só persegue o seu propio interese. Nel, plantéxaselle unha situación moi sinxela na que as persoas toman as súas decisións, que nós estudamos.

Que hipótese se plantexan nestes experimentos?

A hipótese que tratamos de comprobar é que cando lle pides á xente que colabore cos seus contactos sociais ía colaborar máis, porque constituiría grupos que colaborarían uns con outros. Sen embargo, isto non é así: non se ve que cooperen máis do que poden cooperar normalmente.

É a Física unha ferramenta indispensable para acadar unha sociedade mellor?

Está claro, é unha ferramenta complementaria moi importante, con aplicacións que van dende a electrónica ata o estudo da robustez do sistema financeiro, que é unha cuestión fundamental na vida real de agora.

Dende o punto de vista político e institucional, estase a empregar a Física para o estudo de temas sociais?

Empezan. É unha cousa que lles dá un pouco de medo porque é unha aproximación aos problemas que é moi novidosa. Entón, a un político que ten que tomar decisións baseadas no que lle digan os científicos élle un pouco arriscada, cóstalle. O que fora presidente do Banco Central Europeo, Jean-Claude Trichet, xa dixera nun discurso de hai uns anos que facían falta aproximacións complementarias ás dos economistas.

Funcionaría tamén en problemas pesoais?

Non ten que ver con predicir como se vai comportar unha persoa concreta. A Física non é adiviñatoria, pero si permite avanzar que, nun conxunto de persoas, un determinado grupo vai actuar dun xeito sinalado.