CULTURA

O FITO crece en público, "a pesar dos problemas"

"Estamos cansas pero moi satisfeitas do resultado", sinala Sabela Gago, a directora do festival

A undécima edición do FITO chegou ao seu fin despois de dez días dunha variada programación teatral na cidade. "Estamos cansas pero moi satisfeitas do resultado", sinala Sabela Gago, a directora do festival. 

En total, 14 compañías e 15 espectáculos que tiveron lugar entre o Teatro Principal e o Auditorio Municipal. Entre a oferta houbo espazo para os máis pequenos, coas propostas xestuais e coreográficas, e para os maiores, con obras de carga social e crítica. As mulleres, como é habitual no festival, tiveron unha gran presenza no escenario e detrás del. Nesta edición participaron sete directoras e oito directores, ademais de 25 actrices e 16 actores. "O criterio da representación femenina para nós é moi importante, e é moi bonito ver que o conseguimos", explica Gago. Por outra banda, o IV Encontro de Mulleres creativas tamén vai facéndose un oco na programación teatral. "Estamos moi contentas porque hoxe -por onte-, sendo domingo, había unha boa cantidade de mulleres vendo a conferencia na sala do Auditorio", comparte. 

En canto á afluencia do público nas salas teatrais, a directora destaca a "boísima acollida" das compañías Clara Sanchís ("Unha habitación propia"), Panadaría ("Elisa e Marcela") e Matarile ("Os limóns, a neve e todo o demais"). "Decatámonos de que fomos en aumento, cada día había máis espectadores que nas obras anteriores", puntualiza. Nas butacas, perfiles distintos segundo a obra: "Os ourensáns saben moi ben que é o que máis lles gusta, por iso cambia tanto o tipo de persoa que vai ver unhas pezas e outras". En comparación coa resposta do público no ano anterior, un paso adiante: "A pesar dos problemas que tivemos para organizar o FITO este ano pola nova lei de contratación, podo dicir que polo que nós mesmas vimos, este ano tivemos maior afluencia de público que na edición pasada". 

A directora tamén resalta o cambio de temperaturas, cun veroño que "non axuda", e cunha chegada do frío que invita a entrar ao teatro e disfrutar dunha peza.

Te puede interesar