ARFTE ET ALIA

De Flor Novoneyra a Follente Bemil, sempre Lamazares

pormenor_da_galeri_a_marimo_n_result
photo_camera Pormenor de Follente Bemil na Galería Marimón.

As quince serigrafías penduradas no entorno do edificio de ferro da Universidade son reveladoras daquel xeito seu de expresar sentimentos e emocións con imaxes

Uns días despois de comezar a exposición Flor Novoneyra, obra recente de Antón Lamazares no Mº Centro Gaiás abriu Marisa Marimón na súa sala de Ourense unha mostra do artista de Lalín (Maceira, Lalín, 1954), "Follas de sempre e Follente Bemil", un acerto da galerista dende o sentido do momento. As quince serigrafías penduradas no entorno do edificio de ferro da Universidade son reveladoras daquel xeito seu de expresar sentimentos e emocións con imaxes. Nelas non falta unha chisca de retranca, pois Bemil é lugar central da parroquia de Santa María, (Caldas de Reis), sendo Follente un dos seus lugares, ademais… Convén decatarmos neste artista do cerne do interior galego, educado cando novo no ámbito dos franciscanos de Herbón. Son, neste caso, accións explícitas de unión sexual, e no outro suxestivas formas plásticas con un punto de abstracción, dúas series de imaxes sonoras de instantes fecundos, obras que vemos dende a colaboración coa galería Gráfica Caja Negra de Madrid. É unha oportunidade excelente para revisar a súa traxectoria recente, tendo ademais aínda na memoria "Deus omnia con E frai frío no lume", que vimos en 2009 no centro cultural ourensán. Os soportes de cartón sobre madeira, base de palé que ten ido abandonando pola prancha máis fina, e unha experimentación con vernices, xaora e dende fai anos utilizada, son elementos e técnicas que o definen un estilo e linguaxe de seu. 

… E INDA É NOVA A TERRA!

Na Cidade da Cultura ecoan estas palabras de Novoneyra dende o Courel conveciño das nubes, por Parada, ata a sala do terceiro andar da ciclópea arquitectura montuosa, nunha emocionada exposición, irrepetible, que xunta pintor e poeta, nos seus textos, que aquel insire nos cadros. E faino dende unha escolla de "Elegías del Caurel y otros poemas", "Do Courel a Compostela" ou "Os Eidos 2", engadíndolle a necesaria dose de misterio na utilización do seu alfabeto Delfín, código que amosa dende a porta da exposición. Ven de lonxe a devoción de Lamazares pola poesía, e por Novoneyra, que descubriu cando a comezos dos 70, sentíndose poeta, comeza a facer de artista. Absorbe a súa palabra e faina propia: "Deiteime na herba/ cas maus nas meixelas", transcribe coa súa escrita especial no interior dunha caixa aberta, rabuñada ata quitar a pel do cartón para evocar a sensación do escritor; e en "Chove para que eu soñe" parece que vemos o devalar da auga no cristal… Camiña o artista polas transvangardas, coas súas raíces galegas en Pesqueira, Laxeiro ou Grandío, amigo tamén de Novoneyra, do que fixo un retrato que está na exposición, círculos que se pechan. Enxerga Lamazares un refinado discurso artístico, coordinado por María Díaz, a comisaria, Elba Rei a viúva do poeta e Uxío, o fillo, unha sobresaínte labor de encomio nunha mostra completa cos seus libros e cincuenta caligramas. Ler alí “Oír pacer as vacas no serán/no silencio da serra/ some a un cuase tanto como no val/ ver pasar a auga da presa”, e velo en gris grandío…

Te puede interesar