TORRES E CASTELOS

Fortaleza de Cabadoso, en Moldes

ruinas_castro_cabadoso2

Pertencen á entidade de poboación Paradela, parroquia de Moldes, que forma parte do Concello de Boborás.

As ruínas do castelo de Cabadoso, derruído durante a Revolta Irmandiña na Idade Media, atópanse a carón do ponte medieval do mesmo nome, tendida sobre as augas do río Arenteiro, pertencente á entidade de poboación Paradela, parroquia de Moldes, que forma parte do Concello de Boborás.

A primeira referencia documental da fortaleza aparece nun documento de doazón, datado no ano 1230, figurando co nome de “Cova de Osso”. Posteriormente, no 1401, documentase a cesión dos dereitos de portaxe e señorío por parte de Inés Fernández ao mosteiro de Santo Domingo de Ribadavia. A partir do século XIV variou a denominación da fortaleza, pasando a chamarse de Cabadoso ou Castro Cabadoso.

Outro documento do ano 1526 menciona a destrución do castelo durante a Revolta Irmandiña, entre os anos 1467-1469. Trala súa destrución e posterior abandono seguiron moitos séculos de escuridade envolto entre as vellas pedras cubertas cun groso manto de vexetación. Sufriu as secuelas dun espolio consumado, dando como resultado que moitas das súas pedras se utilizaran na construción tanto de camiños como de muros de separación de fincas ou incluso na ergueita de vivendas nas localidades próximas, polo que na actualidade só consérvase, en mal estado, os restos dunha das entradas así como parte dos muros de cadeira. Tras os labores de limpeza e descuberta de restos despois da campaña emprendida acertadamente polo Concello de Boborás, á que se acompañou dunha axeitada sinalización e información do recinto defensivo mediante instrutivos paneis, redescubriuse un importante capítulo tanto da interesante historia do Ribeiro como do propio concello.

Asentado sobre sobre unha coroa montañosa pétrea situada a 310 metros de altitude cara ó norte, e 300 no lado oeste, o alongado castelo orientábase en dirección norte–sur, rodeado por unha muralla, de xeito dobre no lado oeste, contando cun espazo central no que se situaba o recinto principal, o burgo habitable e máis dous recintos anexos.

Contaba con dúas portas de acceso, unha situada na aba norte e outra no sur, ámbalas comunicábanse con outros recintos situados ao exterior. A torre do homenaxe, a carón da muralla, servía de control visual dos arredores. O segundo recinto defensivo tiña por misión a de reforzar as defensas de todas aquelas partes máis débiles do recinto.

Te puede interesar