PROVINCIA

Fraga critica ao goberno provincial a introdución tardía da gratuidade do parking do CHUO

O portavoz do PSOE na Deputación, Francisco Fraga, asegura que “o documento é claro e non deixa lugar a dúbidas sobre a entrada en vigor o 1 de xullo", catorce días antes da aplicación final das novas tarifas

Fraga critica ao goberno provincial a introdución tardía da gratuidade do parking do CHUO

Un informe da interventora da Deputación de Ourense determina que a data de entrada en vigor da gratuidade da primeira media hora e a rebaixa das tarifas xerais, no aparcadoiro que a institución ten no Complexo Hospitalario Universitario, era o día 1 de xullo e non o 15 de xullo. 

No informe, a alta funcionaria determina que “a aprobación das novas tarifas que se pretenden aplicar dende o día 1 de xullo de 2018, que teñen unha directa repercusión no canon que pague a concesionaria poderían ser aprobadas pola Xunta de Goberno, pero que ó ter unha importante repercusión no canon, parece atinado que coñeza da modificación o pleno”. Detalla a continuación os novos prezos para as tarifas xerais, especificando que os “primeiros 30 minutos son a 0,0€; os segundos 30 minutos a 0.025€/minuto, e o resto do tempo a 0,020€/minuto”.

Desde o grupo socialista comentan que "en ningún lugar dese documento de 10 páxinas asinado pola interventora figura a data do 15 de xullo que o PP está a difundir propagandísticamente, tras destapar os socialistas cobros que incumpren o acordado polo pleno e, polo tanto, a concesión. O PSdeG-PSOE recorda que o acordo ditaminado en comisión e aprobado no pleno estipula a rebaixa 'con data de efectos do 1 de xullo de 2018' unicamente, e en ningún caso sinala outras datas ou emprega fórmulas distintas como 'a partir de".

O portavoz do PSdeG-PSOE, Francisco Fraga, explica que “o documento da intervención é claro e non deixa lugar a dúbidas sobre a entrada en vigor o 1 de xullo, unha data que despois foi refrendada polo pleno”. A concesionaria está a incumprir o acordo do pleno e o informe da interventora coa total complicidade de Baltar, que se adica a tapar os incumprimentos das empresa no lugar de velar pola legalidade e a concesión”, denuncia Fraga antes de recordar que “a Deputación aínda non ensinou nin un solo documento legal que certifique o 15 de xullo como data de entrada en vigor das tarifas xerais”.