Mercedes Pacheco, editora: 'Para amar unha cosa hai que coñecela, e esa é nosa intención'

'A grande aventura do libro', gratis con La Región o venres

O vindeiro venres 17 de maio, Día das Letras Galegas, os lectores de La Región recibirán gratuitamente A grande aventura do libro, contada por el mesmo, co patrocinio da Deputación Provincial de Ourense e o copatrocinio da Consellería de Cultura. A edición é unha produción de Versátil Servizos Editoriais, a empresa que dirixe Mercedes Pacheco Vázquez, que explica as características e obxectivos do libro.

Que achegas distinguen este libro doutras historias do propio libro?

En primeiro lugar, hai un factor importante, trátase da primeira historia do libro escrita e editada en galego, que abrangue desde as orixes remotas coñecidas ata o libro electrónico actual. É unha historia do propio libro como soporte, pero ao mesmo tempo fai referencias continuas á escrita de cada época, aos contidos máis sobranceiros e aos diferentes soportes e xeitos de producir ese obxecto cultural que consideramos un libro, un volume, aínda que outros precedentes como os rolos, as táboas, etc., tamén son consideradas como transmisores da escrita. En segundo lugar, o libro ten unha orientación didáctica e divulgativa coa que tentamos espertar o interese xeral pola lectura. Para amar unha cousa hai que coñecela, a intención desta publicación e sementar lectores e coleccionistas de libros.


Por que unha historia contada polo propio libro?

Escollemos a primeira persoa para a narración como un recurso literario de proximidade. O feito de que sexa o propio libro quen fala del mesmo, dos seus devanceiros, dos seus parentes, dos acontecementos dos que foi vítima ou das transformacións históricas, converte a narración nunha especie de conto, de novela saga, que resta seriedade, pero non rigor, a un traballo histórico que tratado dun xeito máis convencional perdería axilidade. Ademais, engade orixinalidade e permite que o propio libro opine a modo dun personaxe de ficción dos distintos avatares e mesmo dos persoeiros que influíron na súa existencia.


Como está o libro galego reflectido neste volume?

Hai un capítulo específico no que o propio libro fai un percorrido pola historia do libro galego deténdose no específico. En realidade parte do descubrimento do sepulcro do Apóstolo en Compostela xa que as referencias históricas anteriores están mesturadas ou son idénticas ao narrado nos capítulos xerais. E, especialmente, centra a atención na chegada da imprenta a Galicia que, como moitos ourensáns saben, ten en Monterrei e na propia capital os testemuños máis antigos coñecidos. Do prelo instalado no castelo de Monterrei no século XV, os impresores Juan de Porras e Gonzalo Rodríguez de la Pasera tiraron o famoso Misal Auriense. Máis ou menos polos mesmos anos foi impreso en Ourense o Breviario Auriense. Hai unha vella disputa por saber cal dos dous foi o primeiro, penso eu que tanto ten, o importante é que Ourense figura como punto de partida da imprenta galega. Logo, finalmente, hai un apéndice no que achegamos as pautas para formar unha boa biblioteca galega.


CANTOS TÍTULOS RECOMENDA O LIBRO?

Hai unha primeira proposta de cento corenta títulos que nós definimos Biblioteca dos imprescindibles que, naturalmente, é moi subxectiva pero como di o tópico non están todos os que son, pero son todos os que están. Logo engadimos a listaxe dos premios Blanco Amor de novela, a dos Premios Xerais, tamén de novela, os Merlín de literatura infantil e xuvenil, e a dos Esquío de poesía. Consideramos que deste modo a relación ofrece unha boa perspectiva para aqueles de desexen coñecer a literatura galega de todos os tempos.


Como é posible contar tantas cousas no espazo dun libro manual?

Volvo ao que falamos ao principio. Fixemos un traballo de divulgación e, polo mesmo, un esforzo de síntese tentando non deixar nada importante no camiño e que os lectores e lectoras teñan unha visión panorámica moi clara da historia universal do libro. E, a verdade, é que estamos moi satisfeitos co resultado.

Te puede interesar