cultura

A historia da despensa galega

2ksss
photo_camera A escritora Carina Regueiro.

Carina Regueiro trasladou ao papel a súa paixón pola gastronomía do país. O resultado o presenta esta tarde no Liceo de Ourense

As lacenas de Galicia están cheas de produtos moi variados e de gran calidade. Este foi un dos aspectos nos que reparou a xornalista Carina Regueiro para escribir a súa obra "Estrelas da despensa galega (e 67 receitas con historia e sabor)" que hoxe, as 20,00 horas, presentará no Liceo de Ourense. "A cociña galega defínenos coma galegos, e eu que son unha apaixonada da historia e, sobre todo, da gastronomía como parte da cultura, botaba en falta en Galicia un libro que non fora simplemente un receitario", explica a autora.

Carina Regueiro tiña claro que os produtos teñen moitas cousas que contar e aínda máis se se fala dos galegos. "Con este libro o que quixen foi facer unha viaxe completa dende a orixe do produto ata a mesa, pasando pola súa historia, a situación na que se atopa na actualidade e a súa implicación na economía e na cultura, para chegar a unha receita", describe.

"Cando comecei o proxecto, pensaba que sabía bastante sobre o tema pero, en realidade, a medida que me puxen a investigar, documentarme e falar con produtores, científicos, cociñeiros… dinme conta de que era moi pouco o que coñecía, e pensei que isto mesmo seguramente lle ocorría a máis xente", así foi como esta xornalista viu unha oportunidade de cubrir un nicho aínda por explorar.  "Cada produto contoume a súa historia e escollín o xeito que me pareceu máis axeitado para plasmala", concreta.

O libro incide dun xeito especial no feito de que "as persoas que traballan no sector primario, ademais de amar o seu traballo e conservar a tradición, tamén están moi o tanto das novas demandas dos consumidores" resalta a autora. Ademais, fai fincapé "na importancia da recuperación das razas autóctonas, como é por exemplo o caso das vacas morenas en Ourense", engade.

Outro aspecto esencial do libro son as receitas. Para o proceso de selección das mesmas "baseeime en que estiveran feitas con produtos galegos tradicionais e doados de atopar e que foran ademais sinxelas de facer e con tempos de cocción curtos debido ó pouco tempo do que dispoñemos hoxe en día", expón Carina Regueiro. 

Te puede interesar