REPORTAJE

O "hobby" que teceu un rabaño de alpacas

Bea Iglesias deixou o seu traballo para adicarlle tempo a unha das súas fillas, con serios problemas de saúde. Comezou a tecer como xeito de evasión, descubriu as propiedades da la das alpacas e acabou montando unha granxa en Coles. 

 

En pleno corazón de Coles exténdense dúas hectáreas de terreo onde, desde fai un par de anos, os reis e raíñas son os animais. "As bolboretas" é un espazo natural, rexentado por Bea Iglesias e Manuel Álvarez, onde conviven cans, eguas, galiñas... e alpacas. Estes camélidos domésticos, orixinais de América do Sur, chegaron a Ourense despois dun longo percorrido. e por unha razón: “Teño unha filla cun problema de saúde e precisa da miña atención todo o tempo. Por iso decidín deixar o meu anterior emprego nunha oficina e adicarme 100% a ela. Comecei a tecer como un xeito de evadirme un pouco”, recorda Bea Iglesias.

Foi entón cando descubriu a calidade da la das alpacas, e comezou a investigar para facerse con elas. Manuel e Bea teñen agora un rabaño de 12 alpacas huacayas –hai outro tipo, as suri, que se diferencian no xeito no que lles medra o pelo–, pero chegaron a ter 15.

Estes animais acostuman superar os 1.500 euros cada un. "En España apenas hai granxas de alpacas, pero son bastante comúns en Francia ou Inglaterra, de onde as trouxemos nós. Tivemos que afrontar os custes de transporte e o papeleo pertinente”, explica Bea.

Pienso especial para camélidos, soia, avena e alfalfa son a principal base da alimentación das alpacas, cando non se atopan comendo nalgún dos prados da granxa. Neste caso, Manuel e Bea deben ter coidado con que estes animais non inxiran follas de carballo ou, especialmente, landras, que poden ser mortíferas. Para evitar isto, as tres eguas de "As Bolboretas" encárganse de repasar a zona e facerse elas coas landras.


Visitas e venda de la, o mantemento de “As bolboretas"


Para conseguir que este pequeno negocio siga funcionando, Bea e Manuel levan a cabo, principalmente, dúas actividades. Por unha banda, comercializan a la que rapan ás alpacas unha vez ao ano, que é diferente en función da parte do corpo da que se extrae: "Unha partida, normalmente  a do tronco, enviámola a Francia, onde a converten en fío e mándannola de volta". O resto, a das patas e pescozo, Bea técea co tear que ten no seu taller, ou ben a prepara con auga, "como se amasase pan".

Manuel e Bea tamén organizan visitas para quenes desexen pasar unha xornada de convivencia con estes animais e demostración de procesado da fibra. Para primavera pretenden levar o seu proxecto máis alá, levando a filosofía ambiental aos colexios, para concienciar aos cativos da importancia da natureza.

Te puede interesar