DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Pura Vázquez, “a paixón pola palabra" na historia da cidade

A Deputación e o Pen Clube Galicia reivindicaron a figura da escritora ourensá no seu centenario

Pura Vázquez, “a paixón pola palabra" na historia da cidade

Insigne, pioneira, muller corrente, galega e ourensá. Así definiron a figura da mestra e escritora Pura Vázquez no primeiro acto de conmemoración do centenario do seu nacemento. O cemiterio de San Francisco foi o "recuncho poético" escollido pola Deputación e o Pen Clube de Galicia–os organizadores– para recitar textos da homenaxeada e facer a ofrenda floral fronte a súa tumba.

"Viviu sempre cunha paixón apegada a sí, a das palabras. Estremecida por todo o que fose beleza, natureza e creación, foi sempre muller presente no quefacer de Ourense", definiu a Pura Vázquez o presidente do Pen Clube de Galicia, Luis González Tosar.

Trala interpretación de "Ourense no solpor", o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, recordou á homenaxeada como "o sentimento feito palabra, cunha obra moi prolífica, que xunto á súa irmá Dora, foron pioneiras da literatura infantil e xuvenil en galego". Na mesma liña, o alcalde, Jesús Vázquez, aludiu ao papel "con letras de ouro na historia da cidade e de Galicia" dunha poeta que "achegou palabras únicas e intransferibles".
Os organizadores recordaron a adhesión ao acto da maioría de fundacións de escritores ourensáns: Curros Enríquez, Otero Pedrayo, Losada Diéguez, Carlos Casares e Vicente Risco.


As mulleres correntes


A valedora do Pobo, Milagros Otero, estendeu o seu agarimo "a tódalas mulleres correntes", ás galegas coma Pura Vázquez, "mulleres galegas, que, caladas, levantaron o noso país. Elas son o sustento desta terra. Estamos homenaxeando o talante", sentenciou. O acto rematou cun recital de poemas de Pura Vázquez, antes da ofrenda floral fronte a súa tumba. Poemas con ritmo de muiñeira para lembrar a voz desta ourensá.