política local

Iago Tabarés será o cabeza de lista do BNG no Congreso

O avogado, que volve á primeira liña política, afronta o reto porque é "o momento de comprometerse"

O cabeza de lista do BNG por Ourense para o Congreso dos Deputados será Iago Tabarés Pérez-Piñeiro, quen xa encabezara a lista no ano 2008 e que fora deputado autonómico na época do bipartito, entre 2005 e 2009, e concelleiro en Ourense, entre 2003 e 2005. Este avogado ourensán, de 49 anos de idade e que ten un despacho no centro da cidade, foi designado no Consello Nacional da frente nacionalista. 

O BNG fixo públicas as súas candidaturas nas catro provincias galegas, contando en Ourense con figuras de recoñecida experiencia política, xa que, ademais de Tabarés, inclúense o exrexedor de Allariz, Francisco García, ou o humorista Xosé Lois González. 

En canto á lista para concorrer ao Congreso, ademais de Tabarés irán como número dous Samanta Barreira Vivian, da comarca de Verín; Rita María Lago; tenente de alcalde en Castrelo de Miño estará no posto tres, e Francisco García, exalcalde de Allariz, pechará a lista. 

No que compete aos candidatos na lista nacionalista para concorrer ao Senado, ocupará o número un Gloria Viana Rivera, veciña de Seixalbo e membro da súa asociación veciñal, acompañada no número dous polo humorista gráfico Xosé Lois González "O Carrabouxo", e no tres polo militante  nacionalista na Rúa Roberto Quiroga.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, afirmou tras o Consello Nacional que a figura de Iago Tabarés é a dunha persoa "que volve á primeira liña política con compromiso e ilusión" e sinalou del que "coñece como poucas persoas Ourense e que xa traballou por Galiza e que entende que agora é o momento de poñer Galiza por diante e sumar para garantirnos unha voz propia". 

Iago Tabarés (Ourense, 1969)volve así á primeira liña política, logo de ter causado baixa no BNG a principios desta década. Xa a finais de 2017 volvera a achegarse a esta organización, na que volver confiar. ""No seu momento tiven un proceso de reflexión persoal, pero a día de hoxe o BNG fíxome esta proposta, da que estou moi agradecido, e aceptei, porque é un orgullo que se lembren dun para asumir esta responsabilidade, afirmou este sábado este discípulo do falecido Xosé Henrique Rodríguez Peña, quen o animou a finais do século pasado a entrar na fronte nacionalista a través do Partido Nacionalista Galego, a ala máis moderada do BNG. 

Cre Tabarés que este é "o momento de comprometerse para defender os intereses de Galiza e da democracia", para o cal considera que o BNG é "o elemento máis útil, sen desprezar a outras forzas". 

Iago Tabarés quere facer "todo o que se poida", asumindo que é un reto "complicado", para acadar representación. 

Te puede interesar