TESTEMUÑAS DA MEMORIA

Ialma, a alma musical da emigración

Empezaron a súa andaina musical no ámbito do Centro Galego de Bruselas como un grupo de cantareiras

Descubrín o grupo musical Ialma no alto de Piúca, o día primeiro de marzo do pasado 2017. E non porque celebrasen un concerto alá (quen o pillara!; coas ganiñas que teño de velas), se non porque ía escoitando a radio no meu Pancracio camiño do traballo á casa. Diariamente, neses momentos, nese percorrido sempre escoito o programa radiofónico Discópolis de Radio 3. Oín como cantaban. En galego. Non as coñecía de nada. O locutor dixo o nome: Ialma. E foi entón a miña alma, o meu espírito o que quedou seducido e namorado do grupo e da súa música. Logo, para máis aquel, decateime de que eran fillas da emigración e iso chega, chega moi dentro. Tanto que houbo momentos da entrevista nos que a emoción embargaba esa alma que penso que teño e chegaba ós ollos con tal intensidade como para humedecelos.

Ialma. Grupo feminino procedente de Bélxica. Pero chamándose Verónica Codesal, Natalia Codesal (irmás), Magalí Menéndez e Marisol Palomo é moi fácil recoñecer as súas raíces galegas, aínda que unha é asturiana, Magalí, de Oviedo. Todas, non obstante, naceron en Bélxica, pero fillas de emigrantes. Emigrantes polo de sempre: por cuestións económicas e, no caso destas mozas, por cuestións tamén políticas. Ai a política!, canta miseria ten dentro e canto temos que depender dela...

Estaban no programa Discópolis presentando o seu quinto disco “Camiño - de Bruselas a Santiago”, feito co produtor belga Quetin Dujardin, que tamén estaba nos estudos de Radio 3. “A nosa historia é un camiño de Bruselas a Santiago, é a volta, a recuperación do que nos contaron os nosos pais, pero con poesía e posibilismo”, confesaba unha delas. No disco tamén afrontan a crítica social, atendendo ó estado convulso do continente europeo debido ó terrorismo e ó peche de fronteiras. O álbum recolle 13 temas de corte intimista e persoal. Pezas populares para contar a súa biografía familiar.

Mentres baixaba para a Finca Fierro, para Barbadás, tiven a ocasión de escoitar tres temas delas que me deixaron máis que abraiado: “Na túa lembranza”, dedicado e cheo de sentimentos cara ó avó de Natalia e Verónica, un mineiro andaluz acusado, como non, de “roxo”. O tema “Doutras terras” é unha lanza a favor do amor, sen ter para nada en conta a cor da pel do ser humano. E “Seremos” emociona pola propia historia en si: a estas catro preciosidades acompáñanas no tema un coro de nenos que... son os que lle dá clases Natalia Codesal!, que é profesora. Contaron a anécdota de que nas actuacións por terras españolas -como non podían traer os nenos consigo- sempre se lles ofrecen coros de rapaces desas cidades nas que actúan.

Falan perfectamente o galego, polo menos as máis galegas (Marisol é de Betanzos e as irmás Codesal son de Guitiriz; ai si, perdón, as súas familias) e empezaron xuntas desde pequeniñas. Declaran orgullosas de todo que levan 30 anos dándolle ás cancións. Entendo ese orgullo, pois sabemos o problemático que é a convivencia entre varios e durante tanto tempo.

Marisol Palomo traballa na Comisión Europea e Verónica Codesal só se dedica a cantar. A proba é que no 2003 representou a Bélxica no Festival de Eurovisión, onde obtivo o segundo posto co seu grupo Urban Trad.

O nome do grupo seica vén dun amigo que, ó escoitalas, díxolles que cantaban “con moita ialma”. E todos os fans que conseguen contactar con elas, a maioría sóltanlles aquilo de que “sodes as embaixadoras de Galicia no estranxeiro”.

Como anécdota triste (polo acontecemento) e ó mesmo tempo esperanzadora (pola sorte) está a de Magalí Menéndez que o día dos atentados do metro de Bruselas, no que morreron 35 persoas, incluídos os tres terroristas, salvouse grazas a que se adiantara un pouco ó seu horario habitual no que acostumaba a coller o metro, pero que oíra perfectamente as explosións.

As mozas de Ialma empezaron a súa andaina musical no ámbito do Centro Galego de Bruselas como un grupo de cantareiras que acompañaban ós bailaríns e baseándose na tradición, aínda que nos últimos tempos evolucionaron e engadiron estilos diferentes e máis actuais. Por exemplo, un tema cantado orixinalmente en francés traducírono ó galego.

Para rematar, e por se aínda non expliquei ben a importancia destas marabillosas e espléndidas voces, espero que axude moito á súa importancia, á súa grandeza o dicir que tamén compartiron escenario con Carlos Núñez, Mercedes Peón, Kepa Junkera, Eliseo Parra, Arno, Zefiro Torna, Perry Rose, Philippe Catherine, Renaud e Dulce Pontes, entre outros. Así é que, moito coidadiño!, que esta xente xa teñen a súa entidade, xa son palabras maiores. 

Te puede interesar