ENTREVISTA | VIDA

Iseo Agilda, banda sonora para o ritmo máis festeiro

Casal do Río( A Bola). 14-07-16. Provincia. Portada do vida a Iseo Agilda Bolaño, Cantante de Blues do País e sacha na Horta.
Foto: Xesús Fariñas

Cecáis, o nome de Edit Iseo Agilda, non ubique aos lectores, pero se falamos de Blues do País e de Sacha na Horta e a integramos nas súas formacións, a cousa cambia.

Blues do País e Sacha na Horta, dous grupos que dende fai unhos anos levan a festa con cada concerto que ofrecen ao longo da xeografía gracias a unhos ritmos pegadizos e unhas letras con gancho coas que a xente se identifica. Nada en Oza, aínda que dende nena viviu longos períodos en Ourense, (de eí "a chispa que levo no meu corpo"), reside na comarca de Terras de Celanova e, dende alí para toda Galicia, pon o seu gran de area para darlle ledicia a cada recuncho a base de bo ritmo e voz.

Cando comenzou neste mundo artístico?

Foi no 2010 cando Sacha na Horta estaba buscando novas vocalistas, animeime a presentarme, e, dende entón, levo a bata sachadora. En Sacha xa houbo sempre unha complicidade e un entendemento moi grandes entre Brais (guitarra, compositor e arranxista) e máis eu. Así que no 2012 comezamos a pensar en montar algo xuntos e no 2014 comezou a andadura de Blues do País e agora xa non hai quen me saque dos escenarios.
 
Forma parte de dúas formacións: Blues do País e Sacha na Horta. Falenos das dúas.

Sacha na Horta está formada polas voces Alenya, Mané dos Cadavás, María da Pontragha e eu, Brais das Hortas á guitarra, Hadri Rei ao baixo, Gus Agasi á batería, Gilbert ao saxo e Iago á trompeta. Nove personaxes cada quen do seu pai e da súa nai, practicamente todos temos outros proxectos musicais e se a iso lle sumamos os outros traballos, as familias, os quilómetros e demais circunstancias haberá que recoñecer que que Sacha na Horta sigamos en activo dende hai case 10 anos é unha tremenda heroicidade. E aí estamos, seguimos pechando datas para este verán e traballando no novo repertorio para sacar un discazo (o terceiro) cargadiño de bravura, loita, ledicia, sororidade e de diversidade de estilos.

Blues do País comezou en 2014 cando Brais das Hortas asumíu a personalidade do bluesmanciño Pepe King e eu a da diva rural Bieitta James e gravamos na Radio Galega o noso primeiro disco "Bateas no Mississippi". Alí comezamos a versionar clásicos do blues e do soul á nosa maneira e na nosa lingua. De seguida foi medrando o proxecto, tocando moito, facendo temas novos, algúns propios e enriquecéndose o concepto e os personaxes. Neste ano sacamos "Ruta120", o noso segundo disco longo que ve a luz grazas a xente que nos apoiou na campaña de micromecenazgo. Ademais, temos unhas colaboracións espectaculares: María, Maca e Carme das Bouba tocando bombo e pandeiros e Guillermo Alzugaray tocando o cello. E por se fora pouco no disco estreamos á nosa banda O Sindicato da Verbena, integrado por Gustavo Agasi na batería (membro de Sacha na Horta tamén), Manu Alonso no baixo e Martiño Mato no saxo (exmembro de Sacha na Horta). Agora manteremos os dous formatos de dúo e banda para adaptarnos a todas as condicións e tocar moito por cada curruncho do país.

Casal do Río( A Bola). 14-07-16. Provincia. Portada do vida a Iseo Agilda Bolaño, Cantante de Blues do País e sacha na Horta.Foto: Xesús FariñasQue lle aporta cada unha delas? E vostede a elas?

En Sacha na Horta traballamos realmente en grupo, é unha banda asamblearia e tentamos integrar as voces de todas no proceso de creación e no espectáculo. Especialmente entre as catro vocalistas, que somos as que levamos o peso das letras e melodías vocais, facemos un traballo moi intenso no que afondamos nas nosas emocións, nos nosos esquemas mentais, nos nosos soños, nas nosas feridas... para desa mestura extraer unha sustancia común, que nos identifique e na que nos vexamos todas reflexadas. Pola miña parte gústame moito traballar nas letras. Levo ideas de letras e melodías que logo entre todas imos facendo que soen a Sacha na Horta. 

Blues do País dame a liberdade máis delirante sobre os escenarios. Traballar con Brais é unha marabilla, entendémonos xenial, temos moita química e ritmos semellantes e un humor moi parecido tamén. Por iso, pase o que pase polas vidas de Brais ou de Iseo, cando Bieitta e Pepe saen ao escenario hai maxia, nunca sabemos o que vai pasar nin sequera nós mesmas. Deixamos que o personaxe e o ambiente nos inunden e que flua todo a través do espectáculo. A diva rural non ten límites, é unha escacha tabús, lévame sempre máis alá dos roles da miña cultura e da miña propia concepción de min mesma. E que lle aporto eu a Blues do País? Pois todas as tripas e as miñas experiencias e emocións das que a diva se alimenta e coas que fai o seu chollo. 

Son dous grupos festeiros e moi enerxicos que conseguen mover ao público, cal é a clave?

En primeiro lugar penso que algo fundamental nas dúas formacións é a boa relación que hai entre nós. Pasámolo teta no escenario e iso fai que conectemos coa xente, que se contaxia do bo rollo. Tamén pensamos moito no espectáculo, en que sexa algo fluído, con ritmo e fresquiño. 
 
As letras son tamén unha forma de achegarse ao público?Casal do Río( A Bola). 14-07-16. Provincia. Portada do vida a Iseo Agilda Bolaño, Cantante de Blues do País e sacha na Horta.Foto: Xesús Fariñas

Si, penso que si. A min dame moito gusto poder escribir letras coas que a xente poida sentirse identificada, que falen de cousas do día a día, que lles faga pensar ou ver algún aspecto das nosas vidas dun xeito novo, que lle fagan rir ou que lle poñan música a un pensamento moi seu, ou un estribillo pegañento que sintetice a súa filosofía de bar... Escribimos letras para a nosa xente, tentamos poñerlles banda sonora para as súas festas, para as súas vidas e na súa lingua.
 
Eses directos cheos de bo rollo e festa... son difíciles de conseguir?

Pois si e non. Son difíciles porque tes que montalos moi ben, pensar en moitas cousas para que queden dinámicos, pero que teñan o espazo para tocarlle a fibra á xente que tes diante. E unha vez que están montados trátase de esquecerte de todo e entregarte, deixarte ir coa enerxía da xente e das compañeiras no escenario para facer algo único e irrepetible. Iso é fácil unha vez que sabes conectarte a esa rede enerxética.

Te puede interesar