ENTREVISTA

José María Martínez: “Anoteime ao ciclo por un amigo, para encher o mínimo de prazas"

O informático ourensán logrou o Premio Nacional de Formación Profesional á mellor traxectoria académica

José María Martínez Penedo.
José María Martínez Penedo.
José María Martínez: “Anoteime ao ciclo por un amigo, para encher o mínimo de prazas"

O Premio Nacional de Formación Profesional, concedido polo Ministerio de Educación aos estudantes de mellor traxectoria académica, non menciona a amizade entre os méritos para outorgar o galardón. Se así fose, o ourensán José María Martínez Penedo, do CIFP A Carballeira, tería premio por partida dobre. O informático apuntouse ao ciclo formativo de Administración de Sistemas Informáticos para "salvar" a un compañeiro. 

O Premio Nacional en Formación Profesional premia o esforzo e o rendemento. Que foi o máis duro? 

Á parte do rendemento tamén valoran ter experiencia laboral, pero o que máis, a formación e a nota media. Eu fixen o ciclo no horario de adultos, traballando, así que o máis difícil foi poder compaxinalo co traballo. 

Compaxinalo con ser pai tamén terá o seu mérito. 

Si. Ademais que o primeiro fillo tíveno rematando o curso, e o segundo fillo, ao inicio do segundo ano. Pero os profesores son moi comprensivos. Coma quen di, déronme unha "baixa por paternidade" para adaptarme ben ao ritmo dos meus compañeiros.

Por que se decidiu pola rama de Informática e Comunicacións? 

Fixen Administración de Sistemas Informáticos. Xa no ano 2002 estudara Aplicacións informáticas. Xa estaba traballando en algo relacionado con informática e quixen ampliar a miña formación. Aínda que pareza que todos os informáticos facemos o mesmo, non é así. A Informática aborda moitos campos.

É máis difícil acceder á formación sendo adulto? 

Eu teño 39 anos, penso que hoxe en día aínda somos novos. O que si teño claro é que o máis importante é a conciliación, os fillos son o primeiro.

Que o segue motivando a estudar? 

Unha curiosidade é que a motivación para apuntarme a Administración de Sistemas Informáticos, a titulación coa que me conceden o Premio Nacional, foi de casualidade. En realidade, eu xa tiña unha titulación que equivale ao mesmo, non a necesitaba a nivel laboral. Pero apunteime por un compañeiro, que mo pediu para que se encheran as prazas mínimas e se ofertase o curso. Agora sigo formándome, estou estudando o segundo curso do Grao en Enxeñaría Informática no Campus.

Que tal lle foi ao seu amigo? 

El tamén rematou o curso sen problema e agora ten unha empresa. 

Ten moitas saídas a súa titulación de FP? 

Hai moito traballo, o problema é que non hai informáticos. 

Que recordos garda do CIFP A Carballeira? 

Moi bos, tanto de compañeiros coma de profesores. Sempre axudaban en todo. Unha anécdota: nun exame final de catro horas presenteime co pé roto porque me caera a moto encima cando ía saír da casa. Eu fun igual á proba a pesar de ser longuísima e tendo así o pé. Saquei un 10. Despois a muller case me mata, rematei en Urxencias co pé destrozado. 

Que lle parece á familia o de que siga estudando sempre?

Parécelles ben. Están acostumados. A miña muller xa me coñeceu estudando, si non eran as oposicións era algún ciclo. A min é o que me gusta, formarme en cousas relacionadas con Informática. Hai xente que opta por ler ou por facer deporte, por dicir dous exemplo. Eu estudo porque penso que hai que seguir formándose.n