AGENDA

Lenzos que devolven a Meborat

20181004183420335_result
photo_camera Camila Blanco e Adrián Rey, a nai e o fillo da artista Meborat, onte na inauguración da exposición "Ollada ao pasado".

"Ollada ao pasado" recolle unha colección de obras da falecida pintora ourensá, que serven como recordo da súa frutífera vida artística

O recordo da artista ourensá Modesta Fernández Blanco (1957-2012) -Meborat-segue presente, especialmente a través das obras que fixo ao longo de toda a súa vida. "Comezou a pintar sendo nena, miña avoa conta que sempre quixo ser artista. Ao principio puxeron trabas a  que unha rapaza de 6 anos entrase na Escola de Artes e Oficios, pero conseguiuno", conta Adrián Rey, fillo de Meborat. Foron el e a súa avoa quenes se puxeron en marcha para preparar a primeira exposición póstuma da artista, "Ollada ao pasado", que se inaugurou onte no Museo Municipal, onde se poderá ver ata decembro.

As obras elixidas para esta mostra -33 óleos e 4 esculturas- representan todas as correntes artísticas que Meborat abrazou en diferentes etapas da súa vida, gardadas ata agora no estudo da avenida de Portugal onde traballaba. "A escolla dos cadros fíxose pensando en que fose variada, por iso temos catro obras abstractas, un par de bodegóns, retratos e unha serie de pezas dunha vertente máis alegórica", relata Rey. Meborat tamén adicou moitos momentos a retratar diferentes espazos da cidade, como a rúa do Paseo ou o paseo das Ninfas, unha artista polifacética que "cambiaba constantemente de estilo, se se cansaba dun cadro, deixabao de lado e comezaba a plasmar unha imaxe que se lle estivese pasando pola mente".


Docencia


A súa labor foi máis alá da individualidade. Compartiu os seus coñecementos con varias xeracións de ourensáns na súa vertente como mestra de debuxo e axudou a outros a preparar o exame de ingreso para facultades de artes. Tamén serviu de inspiración para moitos: "Teño colegas que fixeron Belas Artes grazas á miña nai". 

Te puede interesar