ENTREVISTA

"Os que leron cómic de pequenos e o deixaron, volven como adultos a descubrir historias"

A librería da cidade Sindicato del Cómic reparte gratis, ata este domingo, o fanzine "Nai dos desterrados", un tipo de cómic autoeditado de pequena distribución que nace dunha iniciativa de Amnistía Internacional para concienciar sobre Dereitos Humanos. No proxecto participa o ourensán Óscar Iglesias (UrbanOscar)

Óscar Iglesias, tradutor e apasionado dos tebeos. (IAGO CORTÓN)
Óscar Iglesias, tradutor e apasionado dos tebeos. (IAGO CORTÓN)
"Os que leron cómic de pequenos e o deixaron, volven como adultos a descubrir historias"

A librería da cidade Sindicato del Cómic reparte gratis, ata este domingo, o fanzine "Nai dos desterrados", un tipo de cómic autoeditado de pequena distribución que nace dunha iniciativa de Amnistía Internacional para concienciar sobre Dereitos Humanos. No proxecto colaboran desinteresadamente varios creativos, entre eles, o ourensán Óscar Iglesias (UrbanOscar), un tradutor e xestor cultural que atopa na banda deseñada o seu pasatempo. Apostou por unha historia sobre a purga homosexual en Chechenia. A iniciativa da oenegé repartirá un millar de exemplares por toda Galicia con motivo da feira da banda deseñada "Viñetas desde o Atlántico", que se presenta este venres na Coruña. 

Por que esta historia?

Sorpréndeme o pouco que se comenta unha noticia abraiante. Hai probas de que están metendo xente en campos de concentración e testemuñas oficiais que conto na historia. Foi unha sensación de impotencia o que me levou á historia

Como saca un tebeo á luz este tema?

É un medio, coa súa linguaxe e ferramentas. Xa hai unha escola de xornalistas traballando en tebeos deste tipo como Joe Sacco, con novelas gráficas sobre Palestina e a Guerra dos Balcáns, ou Jorge Carrión, coa historia dos recolectores de basura en Barcelona. Eu utilizo metáforas visuais para expresar un sentimento que con palabras ou unha foto non podería. É unha ferramenta visual máis.

Emprega personaxes concretos?

Baseime nun personaxe que foi a primeira persoa que fixo unha rolda de prensa para denunciar o que pasaba e estivo detida nun dos campos. A través do seu testemuño e do dun famoso cantante de pop ruso, que se cre que desapareceu nun destes campos.

Como acolleu a proposta de Amnistía Internacional?

Foi un orgullo que me chamasen para contribuir cun pequeno gran de area, cunha historia curta para visibilizar este problema.

Inspíranlle as temáticas con compromiso, coma esta, ou sobre que adoita facer tebeos?

Sobre todo emprego o cómic coma unha especie de diario. Son as cousas que me pasan no día a día.Busco unha perspectiva humorística de rirnos de cousas todos os días. Gústame que quede constancia de apuntes ou cadernos cos que despois poida lembrar como me sentía naquel momento.

É unha terapia?

Non, pero axuda a ver as cousas con perspectiva. 

Pode vivir do cómic?

Non, son tradutor e isto é un hobby. Tamén colaboro no Cineclube Padre Feijóo. Gústame ocuopar o tempo libre en actividades culturais.

Cre que en Ourense hai canteira de cómic?

Creo que en toda Galicia. Davíd Rubín, Miguel Robledo... Son de Ourense. A cidade, históricamente, tivo sorte de ter tido un papel no cómic. Os mozos do Sindicato do Cómic tamén fan unha labor interesante, adicando parte dos seus beneficios a artistas locais. É unha sorte que temos de crear canteira.

E público do cómic, haino en Ourense?

Creo que si, que é un público que medra. Cada vez hai máis xente que explora as posibilidades do cómic para contar historias e a xente interésase por cousas distintas. Cada vez hai máis persoas que deixan de ler cómics de pequenos e que agora, como adultos, volven descubrir o mundo do cómic, no que se poden contar historias interesantes.