AS NOSAS LETRAS

Carlos Casares, autor elixido para as Letras Galegas de 2017

A Real Academia Galega elixiou ao escritor limiao pola "calidad e carácter variado" da súa obra

O Día das Letras Galegas de 2017 estará adicado ao escritor limiao Carlos Casares. A decisión foi tomada onte polo pleno da Real Academia Galega, presidida por Xesús Alonso Montero, nunha votación na que os candidatos era el, Ricardo Carvalho Calero, Plácido Castro e Antonio Fernández Morales. Trátase da undécima vez que a institución centenaria adica ás Letras Galega a un ourensán. A última vez, no 2004, tocáralle a Xaquín Lorenzo Fernández "Xocas".

Nesta ocasión, a RAG recoñece o "compromiso inequívoco" do autor de "Vento ferido" coa lingua galega converténdose así nunha das figuras máis senlleiras e renovadoras da literatura galega das últimas décadas do século XX. "A calidade, a vocación abertamente comunicativa e o carácter variado da súa obra, que incluíu a literatura infantil, o xornalismo e o ensaio, converten a Carlos Casares nun escritor especialmente idóneo para protagonizar a celebración das Letras Galegas de 2017", destacan dende a institución.

O humor, a sinxeleza e a claridade son as cualidades más destacadas do seu estilo narrativo e ensaístico pero, máis alá do seu talento literario, Casares foi un intelectual que destacou pola súa implicación nos eidos cultural, social e institucional dos tempos que lle tocou vivir. Casares encaixa a perfección dentro do espírito do Día das Letras Galegas e "con toda seguridade reforzará o prestixio da nosa lingua e literatura non soamente entre o público escolar e estudantil en xeral, senón entre o gran público lector, que xa celebrou en vida a súa espléndida obra literaria", engade a RAG.

Un home comprometido coa súa terra e a lingua galega

A vida de Carlos Casares Mouriño, nacido en Ourense no 1941 e morto en Nigrán no 2002, caracterizouse polo seu compromiso coa súa terra e lingua. Pasou a infancia en Xinzo e sería na etapa adolescente cando a súa vocación literaria comezaría a coller forza chegando a gañar un premio que lle permitiu coñecer a Vicente Risco. 

No 1967 publicou a súa primeira obra, o libro de relatos "Vento ferido", e no 1975 chegaría "Xoguetes para un tempo prohibido", novela pola que recibiu o premio Galaxia e mais o Premio da Crítica española. Tres anos máis tarde ingresaría na Real Academia Galega. Nos anos da transición e do inicio da democracia, foi  deputado polo PsdeG-PSOE en 1981, dirixiu a Editorial Galaxia, a revista Grial, e presidiu o Consello da Cultura Galega dende 1996. A pesar dos seus compromisos, Casares nunca abandonou a escrita e continuou fiel ao seu estilo con "Os escuros soños de Clíos", "Os mortos daquel verán" ou "Sol de verán", publicada postumamente en 2002 e Premio da Crítica dese ano.

Casares tamén foi articulista en diferentes cabeceiras e recibiu os premios de xornalismo "Fernández-Latorre", en 1983, e o "Julio Camba", en 1995. 

O seu repentino falecemento, por infarto, sorprendeu ao mundo da cultura galega o 9 de marzo de 2002. 

Te puede interesar