MUS

A Liga de Mus La Región inicia tempada con récord de inscritos

O campeonato, que estrea plataforma dixital, comeza mañá con 700 participantes e 48 equipos

José Manuel Losada, José Diz e Moncho Bouzo, durante o acto de presentación da nova tempada da liga de mus.
José Manuel Losada, José Diz e Moncho Bouzo, durante o acto de presentación da nova tempada da liga de mus.
A Liga de Mus La Región inicia tempada con récord de inscritos

Xa está aquí a XIV Liga de Mus La Región. Durante a xornada de onte, o salón de actos do Centro Cultural Marcos Valcárcel foi escenario da presentación oficial da nova tempada, na que este ano participan un total de 700 participantes. Durante o acto, no que participou a Comisión da Liga, os patrocinadores e os capitáns dos 48 equipos que compiten, déronse a coñecer as novidades desta edición, e a empresa Cervexas Pardao fixo entrega de materiais como tapetes, barallas ou bolígrafos, para que os equipos teñan todo o preciso para repartir xogo.


Curso 2018/2019


Tal e como explica José Diz, integrante da entidade organizadora, a Asociación Cultural Museiros de Ourense, esta nova tempada chega coa implantación dunha plataforma informática distinta (mustotal.com) que facilitará aos socios o acceso a todo tipo de información sobre a competición.

Por outra banda, nesta edición haberá 20 formacións en primeira división, e 28 máis divididas en catro grupos de segunda, en vistas da terceira división que se organizará para o próximo ano. Os partidos da liga terán lugar nas sedes de cada un dos equipos: "Do mesmo xeito ca no fútbol, un xoves xogas na casa e para o seguinte tócache ser visitante", explica Diz. Cada agrupación, formada por un mínimo de 10 persoas e máximo de 14, escolle o seu campo, que na maioría dos casos é un bar. Neste novo curso, a participación femenina creceu ata chegar ao 30% do número total de xogadores. "O número de mulleres creceu de xeito exponencial dende que a liga comezou, fai catorce anos", comenta o organizador.


Os torneos


Ademais dos encontros semanais, a competición conta con 22 torneos extras de diverso tipo e duración. Os máis longos son os estacionais, que se prolongan durante dous meses e que se celebran na época do nadal, de primavera e de verán. No outro extremo sitúanse os encontros de fin de semana ou dun día, que comezan e rematan na mesma xornada. A localización, neste caso, muda, xa que nestas competicións participa un gran número de persoas, polo que se levan a cabo en grandes espazos, como o restaurante El Coto. 


Escola de mus para os que queiran probar neste xogo


Neste novo curso, a escola de mus mantense, por séptimo ano consecutivo. Unha iniciativa que xurdiu para formar a aquelas persoas que queren aprender este xogo de cartas. As clases teñen lugar os luns pola tarde, pero con posibilidade de outros horarios. Para todo aquel que queira inscribirse ou pedir máis información, a organización facilita o correo electrónico info@amou.gal.