ENTREVISTA

Lorena Conde: "O mellor é ver a sorpresa dos nenos co noso espectáculo"

maquillaxe paiasas
photo_camera Unha das escenas de "Manawee".

Matrioshka Teatro desembarca esta tarde no Teatro Principal (17,00 horas) coa representación  de "Manawee", dentro da MOTI.

Con dous anos de vida sobre os escenarios, Matrioshka Teatro xa desfrutaron do espectáculo "Manawee" centenares de nenos de entre 8 e 13 anos, pero tamén os seus pais, que entenden o que lles está a pasar ós seus fillos. Lorena Conde é autora e actriz nesta función.

Como xorde a idea desta obra? 

O texto apareceume mentres iamos ensaiando. A idea orixinal foi falar das emocións  dende o punto de vista dos nenos e das nenas, e non desde os adultos. O obxectivo é redescrubir as emocións que nós tivemos a unha certa idade e traballar sobre elas.

Por que a función está focalizada neste público tan concreto?

É unha idade moi importante, porque daste conta de que hai cousas que están mudando no teu corpo e no teu comportamento, e os rapaces non o comprenden. Os cambios da infancia pasan desapercibidos, pero nestes anos prodúcese un choque importante. Queremos que os cativos recoñezan desde fóra as súas emocións, e que vexan que son sentimentos que teñen todos os nenos.

Como conseguides transmitir esta mensaxe?

Traballando con materiais moi sinxelos, como papel ou madeira. No texto, quixemos ser moi directas. É un relato atípico, máis próximo a unha peza poética, pero que ós pequenos lles encanta e involúcranse desde o momento cero. É todo moi sorpresivo, sempre están pasando cousas, detalles minúsculos pero sempre moi emocionantes.

Que é o máis importante para vós nestes dous anos con “Manawee"?

A sorpresa dos nenos cando se ven reflexados nas situacións que representamos e escoitamos como din “Eh, iso tamén me pasa a min!”, eles recoñécense nas cousas que oen e ven ó longo do espectáculo. Pero, asimesmo, os pais recordan que eles tamén se sentían así a súa idade e entenden mellor o que lles está pasando ós seus fillos, e poden axudalos. É moi emocionante e satisfatorio chegar ó público deste xeito. 

Te puede interesar