ENTREVISTA

Luís Seara: "O BNG fala do futuro mentres goberno e oposición levan Ourense ao pasado"

O candidato do BNG á Alcaldía de Ourense é claro ao retratar a situación da cidade: "Tras o mandato do 'non' -o peor da historia- o Concello é unha especie de lenzo en branco, está todo por facer" 

 

Luís Seara xesticula durante a conversa, este pasado xoves na Coruñesa. (XESÚS FARIÑAS)
Luís Seara xesticula durante a conversa, este pasado xoves na Coruñesa. (XESÚS FARIÑAS)
Luís Seara: "O BNG fala do futuro mentres goberno e oposición levan Ourense ao pasado"

Luís Seara (Ourense, 1964) tira de retranca nas vésperas do carrusel electoral que decidirá a composición do novo mapa europeo, estatal e ourensán: "Voulle dicir á presidenta da miña comunidade que convoque tamén eleccións para o 26 de maio".

Tres meses nos que o BNG se xogará voltar ao Congreso, e tamén ao Concello de Ourense. Unha tarefa esta última na que Seara leva traballando dende hai meses coma cabeza de lista. Perfila o seu plan de cidade -"policéntrico e a escala humana" á vez que fala de recuperar a ilusión.

"É a nosa maior apelación. Perdemos catro anos no peor mandato da historia de Ourense. Pero onde a xente ve problemas nos vemos solucións. Xa temos transformado realidades noutras ciudades que agora son referentes a nivel mundial". Toca entón "pontevedrizar"Ourense? "Non é cuestión de mimetismos. Queremos 'ourensanizar' Ourense. Temos proxecto, temos equipo"

De neno acompañaba a cabalo ao seu avó tratante polas feiras. Agora percórreas falando do espolio enerxético que din que sofre Galicia. Está a reconectar o BNG cos veciños?

Houbo momentos de desconexión. Moita xente dime: "Estades de volta".  E é vital retomar o pulso coa cidadanía, falando das cousas do comer. A tarifa eléctrica é un exemplo paradigmático. Como unha provincia como Ourense, con excedente de producción, pode pagar máis cara a luz que o Estado?

Canto inflúe a crise de En Marea na melloría do BNG?

Non o vemos neses termos. Estamos nun bo momento –e aí están os que retornan ao proxecto ou os que se incorporan–. Influíu en moita xente observar o baleiro no Congreso sen nós. Sen unha forza do país, todos os debates quedan condicionados a outros territorios.  Non temos ataduras nin dependendencias como lle sucede a outros grupos. Para o BNG é fundamental estar en Madrid. Na medida da nosas posibilidades xa fomos decisivos no Congreso, coma en Europa –estes días evitamos que os fondos de cohesión diminúan para nós–. Se o BNG está, Galicia está.

 

Xogan con Bauman e din que se erixen coma solución sólida aos tempos da política líquida.

O BNG é sólido e coherente. Pasamos á nosa travesía do deserto. Despois de Amio... senón foramos unha organización con tanta fortaleza, cunha estrutura territorial tan importante, quedarían so as nosas cinzas. Tivemos a capacidade de analizar o que aconteceu para mellorar e elaborar a diagnóse da situación. Sabemos o que necesita o país, Ourense...

Esa autocrítica impediu valorar con xustiza os tempos do bipartito na Xunta e no Concello?

Foron moitos máis os acertos que os erros. En Ourense o BNG foi clave en temas como o Campus, o acceso centro ou o traspaso do hospital ao Sergas. No Concello co bipartito fixéronse cousas francamente ben. O nivel de investimentos que se realizou e a volta que se lle deu a cidade non se producira nunca. Despois, a cidadanía fixo a súa propia valoración. Tanto na Xunta como especialmente no Concello castigóusenos, con dureza quizais inmerecida, en todo caso incuestionable.

O BNG pulsou o botón do reset. Agora lle toca ao Concello?

Preguntaba outro día a un grupo de persoas que me dixera algún feito de relevancia neste mandato. Foron incapaces. É necesario pulsar ese reinicio. O Concello é unha especie de lenzo en branco por debuxar, practicamente todo está por facer. Unha das cousas positivas deste mandato é que non deixa apenas hipotecas, polo tanto os que entremos vamos a poder facer o que a cidade necesita.

Reparte culpas entre o alcalde e a oposición.

Evidente. Foi o mandato do "non". De non chegar a consenso en aspectos de especial relevancia, como PXOM, orzamentos, infraestruturas…Non houbo posición de cidade, cada un defendeu ao seu partido. Nos falamos dun Concello de futuro, eles nos conducen a unha cidade do pasado. E os actores para o cambio non poden ser os vellos. Se eres parte do problema non vas ser a solución. Toca apostar por outros proxectos para sacar a Ourense da irrelevancia e decadencia.

Di que non lle vale ese vello dito socialista ruso de 'canto peor, mellor'. Un BNG na oposición do Concello colaboraría co PP?

O BNG ten amosado capacidade de chegar a acordos, de poñer en primeiro plano o relevante, con enormes doses de sentido común. Nós teriamos posto coma prioridades o PXOM –necesaria unha segunda exposición pública, hai modificacións que descoñece a cidadanía–, e tamén atopar espazos comúns nos orzamentos.

Como imaxina Ourense?

É vital a dinamización económica, a creación de emprego e coidar o comercio de proximidade. É estratéxico o plan das Burgas e desenrolar o termalismo, agora mesmo nun estado calamitoso. E urbanizar a cidade. Aínda coas ferramentas que hai –cun PXOM do 86– neste mandato perdeuse unha oportunidade histórica en temas coma o bulevar termal, o non soterramento da avenida Otero Pedrayo, a intermodal, non actuar no rianxo dentro das obras da Praza....

Estas obras non se fan por falta de imaxinación ou de vontade?

Por falta de solvencia non, gábanse de ter 77 millóns no peto. É certo que hai situación de parálise por un entramado burLuis Seara​ocrativo máis lento que unha tartaruga. Pero é vontade política. Quen me impide a min soterrar unha avenida en lugar de facer dúas rotondas? É o que pasa por ser un mero delegado do goberno. Hai que ser alcalde, e isto significa apostar por proxectos transformadores.

Da a sensación que os técnicos serven cada vez máis coma parapetos dos políticos.

O mal xogador bótalle a culpa ao terreo de xogo. Os criterios técnicos non poden condicionar o goberno. Isto ten que ver cunha estratexia do PP de cando era portavoz Rosendo (Fernández), de xudicializar a vida política. Converter o Concello nun caos e dilucidar a súa incapacidade política no xudicial… "De aquellos polvos estos lodos".

Como le o caso Araújo?

Faime gracia que a persoa que tivo tras o alcalde a maior responsabilidade de goberno, diga que con él non iba nada e que como di o outro: "Vi luz y entré, pero yo solo pasaba por allí". Dimitir agora, a tres meses das eleccións? Puro oportunismo. Dito isto: dame a sensación que non é inocente a saída de Araújo. Nun momento de forte contestación ao PP, non sei se será unha estratexia da dereita...

Que vive un contexto de rearme a nivel estatal...

Do que se trata é de facer coma no "Gatopardo": cambiar para que nada cambie. Tratan de repartir o voto da dereita e intentar ao día seguinte coller de novo as rendas do Concello de Ourense, cunha fórmula de pacto xa explorada noutras partes...