FESTIVAL DE CINE

Mabel Rivera: "Amenábar confiou en min cando crían que só podía facer papeis coma Balbina"

Mabel Rivera
photo_camera Mabel Rivera no centro cultural Marcos Valcárcel.

A actriz foi distinguida co premio AISGE á súa traxectoria, galardón que recolleu no festival de cine ourensán

Mabel Rivera (Ferrol, 1952) contoulle este mércores a un grupo de rapaces do OUFF Escola que a maioría dos actores maiores que saen nos retratos que Xulio Gil expón no  Marcos Valcárcel non paran de traballar. "E as actrices están na casa", dixo botando unha ollada ás compañeiras fotografadas. "As actrices maiores temos tanto que aportar...".  Veu ao festival ourensán a recoller o premio á súa traxectoria que recoñece a delegación en Galicia da Fundación AISGE. Agradeceu a distinción e púxose irónica: "Non quero ser chulita, pero saltáronme as alarmas. Estarei rematando?"

Un recoñecemento a toda unha traxectoria é un peso? Coma que leva moitos anos traballando?

Xa me deron catro premios á traxectoria no último ano. E penso: "Outro que me quere botar fóra". "Traxectoria" ten ese punto de finalización e ás veces hai que facer un pequeno esforzo mental para dicir: "Non me vou a deixar levar por esa idea". Haino que agradecer porque o traballo está feito pero queda a sensación de que é algo que se acaba. Non obstante, sempre teño a sensación de que aínda non empecei, porque hai cantidade de cousas que me interesaría ter feito que seguro que non vou poder facer.

Por que ten a sensación de que non fará determinadas cousas?

Cada vez con nós, coas actrices maiores, hai menos espazo. O teito de cristal funciona moito a ese nivel. Falamos do outro, do salarial. Pero o da idade é moi potente.

Tamén se produce un encasillamento en determinados papeis a certas idades?

É un tipo de papel que diminúe, en cantidade e en calidade. Chega o momento en que parece que as actrices de certa idade o único que poden facer é ter alzhéimer. Impotencia. Que pasa? Non temos outra cousa que facer? Non podemos ter poder? Non obstante, o ben que se considera o traballo e as características físicas de compañeiros homes: as engurras, as canas, o deterioro, parece que lles engade un valor. Por que a nós non? Son cousas que me dan agravio comparativo. Chungo. Non estou disposta a admitilo.

Rexeitou moitos papeis por iso?

Si. Custoume moito nun determinado momento, porque me pechou portas importantes. Rexeitei un proxecto porque me parecía que o trato que se lle daba ás mulleres era cuestión non só de machismo, senón de mal gusto, de ordinariez. Creo que ten que ver coa consideración do que é o humor. Hai cousas que non me fan ningunha gracia. En Galicia creo que temos máis sutileza. Sucedeume nun momento no que levaba dous anos sen traballar. Chorei amargamente. Foi unha decisión difícil que do outro lado non se entendeu e a partir de aí fixéronme tachón. Pero hai cousas mínimas que hai que ter claras.

E que é o que lle gustaría facer?

Teño unha película para o ano fóra de Galicia. Apetéceme máis facer cine que tele, polos ritmos cada vez máis galopantes en televisión. Non hai tempo de coidar os produtos. 

E o teatro?

Teño un proxecto impulsado con outra compañeira actriz, un texto marabilloso sobre violencia de xénero que se fará en Galicia.

Como marcaron a súa carreira “Pratos Combinados" e “Mar Adentro"?

Totalmente. Polo que me recoñece a xente segue sendo por Balbina. As dúas cousas están ligadas. "Mar Adentro" pilloume nun momento no que quería deixar o traballo en "Pratos Combinados" porque me estaba encasillando dunha maneira brutal. Foi moi forte para min. Os compañeiros homes tiñan máis facilidade para facer outras cousas: cine, teatro... en 10 anos de carreira, en todo ese tempo, non houbo ninguén que confiase en que eu como actriz poidese tocar outros paus que non fosen unha señora detrás dunha barra dun bar facendo comedia. Teño que agradecer aAlejandro Amenábar que confiase. Foi unha mirada sen contaminar por ese bombardeo. Cando se convocou o casting para "Mar adentro" non me presentei. Ía co 'non' por diante. Pensaba: "Amenábar a min? Balbina?" Era unha obxectividade algo negativa. Convocoume o director de casting que coñecía dunha proba anterior. Nunca volvín  traballar en aquelas condicións de calidade, sobre todo a nivel de medios. 

Te puede interesar