ENTREVISTA

Manuel Baltar: "Hai inversores para o hotel termal da cidade"

photo_camera Manuel Baltar, presidente da Deputación, onte en Telemiño.

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, abordou en Telemiño os retos e desafíos aos que se enfronta neste 2018 o seu goberno provincial

"Todos os días son citas importantes para a provincia porque todo o que facemos está pensado en clave de Ourense". O presidente da Deputación, Manuel Baltar, abordou onte en Telemiño os retos e desafíos aos que se enfronta neste 2018 o seu goberno provincial.  Hoxe, estará en Fitur: "Imos a falar de cultura, de turismo, termalismo, deporte... Esta provincia está nesa liña. Cada oito-dez días hai algo importante". 

Estamos estreando 2018 co horizonte do Plan 2015-19 moito máis cerca. Cales son os obxectivos para estes doce meses?

Os obxectivos son seguir sendo previsibles e cumprir a "raja tabla" a planificación que nos marcamos. Este vai ser un ano que comezamos cos orzamentos xa aprobados, que seguen apostando pola colaboración cos concellos e cos cidadáns. Temos na nosa carta de servizos todas as cuestións das que se ocupa a Deputación, innovando, facendo da administración pública un escenario perfecto para innovar e con retos por conquerir. 

Hai uns días visitaba Ourense unha delegación de empresarios chineses. A Deputación ten previsto organizar unha III Misión EEUU-Ourense ou baralla cambiar?

Estamos neste eido, sempre o fixemos, da man da CEO e da Cámara de Comercio e sempre o faremos a petición dos empresarios. Se os empresarios piden unha terceira misión haberá esa terceira misión e, se non, diversificaremos esa estratexia nosa para achegarnos a outro tipo de escenarios. Iremos  sempre da man dos que crean emprego e crean riqueza. 

Que balance se fai deses primeiros meses de Plan ExportOU?

O resultado é positivo, é satisfactorio, creo que o ano 2018 imos seguir nesa mesma liña e penso que esa é a aposta gañadora, o ir da man do empresariado, que son aqueles que arriscan o seu capital, que apostan por Ourense e que crean riqueza en Ourense e que ineludiblemente teñen que ser compañeiros de camiño. 

Que balance fai do desenvolvemento do Plan Termal? En que momento está e que queda?

Podemos dicir que está executado ou en execución un 70%, estamos nas previsións máis optimistas e se hai que poñer unha eiva, que non creo que sexamos capaces de que sexa real no ano 2020, pois é o contar a capital da provincia cun hotel balneario en condicións de luxo, que sexa o estandarte de todo o termalismo da provincia. Sabemos que hai uns problemas urbanísticos importantes dentro da cidade pero tamén sabemos que hai solucións que poden vir dende o eido autonómico para, unha vez que se identifique a parcela sobre a que debería ser edificado, solventar esa burocracia e que vaia áxil. Neste 2018 pode haber importantes novidades a ese respecto, e dicir que sabemos que hai inversores dispostos. 

 “In tempore sueborum" está chamada a ser unha das exposicións máis importantes do ano. 

É unha exposición única en Europa. Primeiro pola temática, porque abordar a realidade do Reino suevo da Gallaecia de hai 1.600 ano é un feito que nunca antes se fixo. E despois, en canto ó deseño da exposición, contamos con 262 pezas, máis das que contaba “Galicia no tempo” que é a exposición que sempre se lembra, esta é superior non só no número de pezas senón tamén na procedencia, 32 museos de 10 países. Estamos iniciando xestións para prorrogar o prazo de exposición e que chegue ata maio deste 2018. 

Hai previsión de continuar organizando eventos dese tipo?

Si, esa é unha liña que temos clara. Tiven a oportunidade de anunciar o día que presentamos a exposición que organizaremos neste 2018 un seminario sobre arte rupestre en San Pedro de Rocas e seguir loitando por esa Ribeira Sacra que vai ser declarada Patrimonio Mundial pola UNESCO. E teremos en maio a ICC Week, que é un evento que sitúa Ourense como capital da creatividade e da innovación. 

 Hai uns días a Deputación chegaba a un acordo coa Universidade Menéndez Pelayo.

 Creo que ligar á Deputación con actividades formativas organizadas por unha entidade tan prestixiosa coma esta pois é tamén un obxectivo. Ese obxectivo está acadado, e no ano 2018 organizaremos un seminario sobre os corenta anos da Constitución, que creo que vai ser un evento importante.

Que políticas ten fixadas a Deputación ante o envellecemento?

Dende a Deputación temos unha carta de principios para actuar no ámbito da demografía, somos a única en toda Galicia que outorga axudas directas aos nacementos, entre todos temos que colaborar e sobre todo ten que haber un pensamento individual de cada ourensán de crer neste territorio, de que é un lugar ideal non só para formar unha familia, senón tamén para pór en marcha proxectos empresariais.   

Se hai un concello dos 92 da provincia que teña problemas ese é o de Os Blancos. 

É o concello que financieira e economicamente ten os peores números e a única solución para ese concello pasaba por unha implicación dalgún goberno. Nin o goberno central nin o autonómico dan ese paso, pero nós temos unha responsabilidade como provincia e así levamos meses de conformidade con eles estudando esas posibilidades. Aprobamos un plan que fará que Os Blancos sexa un concello novamente sostible e que se sigan prestando esas competencias ás que todos os veciños teñen dereito, coa excelencia pública. 

 Está satisfeito co cumprimento da súa folla de ruta?

Si, creo que estamos cumprindo todas esas expectativas. O día 6 de febreiro fai seis anos que levo con esta responsabilidade, cada día con máis forza co anterior, cada día pensando e creando novas oportunidades, cun gran equipo de goberno que me acompaña na Deputación, non perdendo nin unha milésima de segundo naquela crítica que solo busca destruír, porque eu estou aquí para facer cousas, non para responder a ninguén. 

Te puede interesar