NATUREZA

“Marcháronme coa árbore!"

<p></p>
photo_camera Vista dunha buraca onde se arrancou unha árbore plantada polos rapaces no Día Mundial da Árbore.

Na madrudada do mércores roubaron na Valenzá cinco das 30 árbores plantadas hai unha semana por alumnos dos colexios Filomena Dato e O Ruxidoiro no paseo dos Muíños con motivo do Día Mundial da Árbore

A tristeza deixase ver hoxe no rostro dos alumnos dos colexios Filomena Dato e O Ruxidoiro despois de enterarse do roubo de cinco árbores no paseo do Muíños, na Valenzá. Foran plantadas por eles mesmos hai oito días con motivo do Día Mundial da Árbore.

"Marcháronme coa árbore que plantei!", dicía sorprendido un rapaz ao percatarse do furto, cometido na madrugada do mércores. "Escoitar isto doe na alma", puntualiza o concelleiro de Medio Ambiente, Rafael Sierra, que visitou a zona onde tiveron lugar os feitos, no tramo comprendido entre o muíño de Villaescusa e o parque dos Patos. Non dudou en denunciar o acontecido na Policía Local de Barbadás pero, de momento, non se sabe quen está detrás deste "acto de incivismo". De feito, non é a primeira vez que ocorre algo similar no concello. "O ano pasado tamén marcharon con 13 amieiros plantados polos cativos nunha matogueira ao final do parque da Liberdade da Valenzá", engade Sierra.

Co angazo e pa na man, un grupo de 25 alumnos, acompañados dos seus pais e nais, plantou hai oito días un total de 30 árbores, entre bidueiros, carballos e pradairos, facilitados por la Xunta. A actividade estaba prevista pola mañá pero, por mor da chuvia, mudouse á tarde. Estaban moi ilusionados. "Ese día chovía moitísimo e decidiuse facer a actividade pola tarde, en horario non lectivo. Os rapaces estaban moi ilusionados e ata viñeran os pais. Foi unha actividade moi bonita", lembra Gema Atanes, directora do colexio Filomenta Dato, sito na parroquia de Barbadás. "O que fixeron paréceme un acto de incivismo total. Terán que pasar anos para que deixemos de ver situacións así".

Implicación

A mestra destaca a interese dos rapaces neste tipo de actividades. "Sempre se implican moito". Incluso, os cativos chegaron a colocar ao redor das 30 árbores cantos de pedra co seu nome. Ata as bautizaran! Hoxe, ao alumnado do seu centro tocaralle redactar unha noticia sobre "Que lle dirían a esta xente que arrancou as árbores que plantamos hai unha semana".

O alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, lamenta o acontecido. "É unha falla de sensibilidade polo ecosistema e unha falla de respeto á actividade que desenvolveron os nenos dos colexios e pola Concellería de Educación e Medio Ambiente".

Neste sentido, tratábase dunha iniciativa didáctica organizada para concienciar aos máis novos co medio ambiente. "Os rapaces púxeronlle moita ilusión e nós tivemos que preparar todo. Lembro que para atopar os anciños botei unha tarde enteira", indica el concelleiro de Medio Ambiente, Rafael Sierra. El mesmo viaxou ata un viveiro do goberno autonómico sito nos Milagros para recoller as árbores que plantaron os rapaces dos citados colexios.

O equipo de goberno de Barbadás fai un chamamento aos veciños para evitar que a situación se repita, alertando a Policía Local se ven algo sospeitoso. 

Te puede interesar