ENTREVISTA

Martínez Insua: "A Ponte Nova amosa o desenrolo da linguaxe estilística e construtiva da época"

La Directora xeral do Patrimonio Cultural destaca la importancia de la infraestructura que celebra su centenario

María del Carmen Martínez Insua, directora xeral do Patrimonio Cultural.
María del Carmen Martínez Insua, directora xeral do Patrimonio Cultural.
Martínez Insua: "A Ponte Nova amosa o desenrolo da linguaxe estilística e construtiva da época"

No marco do centenario da Ponte Nova, a directora xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, María del Carmen Martínez Insua, destaca a importancia dunha infraestrutura que "forma parte do patrimonio de Galicia". 

Que significa para o patrimonio galego o centenario desta obra?

Está claro que o feito de que un ben inmoble cumpra cen anos reforza o seu valor cultural. Ao meu ver, este aniversario é un feito máis no seu devir histórico, pero tamén unha razón de ledicia, ao comprobar que un ben integrante do noso patrimonio permanece en uso e continúa a cumprir a súa función, mantendo así mesmo os seus valores culturais practicamente intactos.
 
E que supuxo en concreto a creación desta Ponte Nova?

A construción desta ponte supuxo para a cidade de Ourense contar por primeira vez na súa historia cunha segunda ponte sobre o Miño, e con ela o desenvolvemento urbano da cidade nas dúas marxes do río. O incipiente tráfico rodado, que xa se vía como excesivo sobre a Ponte Vella, xustificou a súa construción. E desde o punto de vista do valor cultural e de enxeñería, supuxo a construción dunha magnífica obra civil. Un exemplo sobranceiro do desenvolvemento tecnolóxico e da linguaxe estilística e construtiva da súa época.  

Como cre que se conserva a obra tras 100 anos?

A ponte, cos datos que temos na Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, conservase nun estado razoablemente bo. Continúa a dar unha resposta correcta á súa función como parte do sistema viario e segue a ser un referente de singular e alto valor na imaxe da cidade de Ourense na súa fachada cara o río Miño. 

Que fórmulas se levan a cabo dende a Xunta para promover a importancia do patrimonio nos colexios?

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural participa activamente no programa da Consellería de Educación para promover o desenvolvemento de actividades pedagóxicas regradas dentro do Plan Proxecta, que promove que os centros desenvolvan proxectos educativos relacionados co Camiño de Santiago, desde hai tres anos e coa Ribeira Sacra, no curso 2017-2018. Esperamos poder continuar no futuro con estas ofertas de programas de colaboración e amplialas a outros aspectos patrimoniais. 
  
Que actuacións ten realizado e cales ten previsto realizar a Dirección Xeral de Patrimonio en Ourense?

Das actuacións realizadas, cómpre destacar intervencións de adaptación da igrexa da Orde Terceira para exposicións do museo arqueolóxico, obras de rehabilitación e restauración no conxunto da Catedral de San Martiño, no conxunto termal das Burgas, na igrexa da Santísima Trinidade, na igrexa de San Pedro de Cudeiro, na igrexa de Santa María Maior, no Liceo Ourensán, no Museo Arqueolóxico, na Ponte Vella e a capela de Nosa señora dos Remedios. 

Cal é a máis inmediata?

Á que afectará á igrexa da Trindade. Actualmente, estamos a traballar no proxecto básico de execución da restauración do devandito templo. Así mesmo, colabórase tecnicamente no desenvolvemento doutros proxectos xunto a outros departamentos da Xunta. 

O Concello de Ourense foi pioneiro en conceder licencias de obra en zonas con carácter patrimonial, coma en Seixalbo. Como valora estes acordos?

 O compromiso e a colaboración municipal na salvagarda do patrimonio cultural resulta imprescindible. A súa competencia e responsabilidade está claramente definida na nova lei autonómica do patrimonio cultural de Galicia, que consagra técnicas descentralizadoras mediante a habilitación para estas entidades locais. Cómpre destacar que o concello de Ourense é, neste sentido, pioneiro en asumir estas responsabilidades, colaborando na tutela da salvagarda do patrimonio cultural. 

E como repercute nos veciños?

Representa un compromiso importante. Supón achegar a administración a cidadanía e facilitarlle a vida aos particulares mediante a axilización do imprescindible proceso administrativo. Un proceso regrado, técnico e garantista que demanda e esixe a protección do patrimonio cultural.  

Un dos máximos expoñentes patrimoniais da cidade de Ourense é a Catedral. Como valora a súa conservación? Que obras teñen acometido desde a Xunta? 

O estado xeral pódese cualificar de bastante bo. O compromiso e o esforzo da Diócese de Ourense e do Cabido Catedralicio dirixido a coidar a súa catedral é moi alto. Conscientes de que os custes de conservación dun inmoble relixioso desta relevancia resultan elevados, na actualidade están introducindo medios para xerar recursos que se poidan destinar directamente ao mantemento deste monumento e do patrimonio cultural que alberga. A Xunta ven colaborando coa Diócese e co Cabido Catedralicio neste compromiso por manter, conservar e restaurar o templo. Así xa se restaurou recentemente o Pórtico do Paraíso, o nártex da Catedral, a capela de San Xoán, a fachada sur ou a portada románica do brazo norte do Cruceiro. Tamén se acometeu a restauración da decoración románica da cabeceira e todas as cubertas da cabeceira e a xirola. 

As Burgas son o símbolo de Ourense. Que traballos teñen levado a cabo nelas ultimamente?

Nas Burgas, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural ten realizado recentemente os traballos de restauración da fonte principal. Unha actuación que consistiu na limpeza do conxunto escultórico e supuxeron un investimento de aproximadamente 15.000 euros.