ENTREVISTA

María do Ceo: "Traballar coa familia é algo moi importante: cunha mirada xa está"

María do Ceo
photo_camera María do Ceo, na súa presentación do seu último disco no Marcos Valcárcel.

María do Ceo presentou en Ourense o seu último traballo, "A fadista", na compañía do seu marido, Xosé Salgado, que toca a guitarra española, e o seu fillo, Álex Salgado, que toca a guitarra portuguesa.

María do Ceo é, en Galicia, a "portuguesa" e, en Portugal, a fadista de acento galego. Chegou a Ourense con tan só 10 anos, dende o seu Porto natal. Entón xa cantaba fados, pero non comezaría a adicarse profesionalmente á música ata moito tempo despois. Agora di que como o tempo se lle "bota enriba", gústalle presentar un novo disco cada dous anos. Onte, no Marcos Valcárcel, presentou o seu último traballo, "A fadista", na compañía do seu marido, Xosé Salgado, que toca a guitarra española, e o seu fillo, Álex Salgado, que toca a guitarra portuguesa. Neste disco, o número 14, asegura chegar á "madurez" interpretativa. 

Di que este disco recolle as súas vivencias. Que deixa ver nas cancións? 

Dentro do disco hai diversos xéneros, pero pódese ver que a voz está nunha madurez física extraordinaria, moi sentimental. Un vai recollendo ao longo dos anos, da vida, experiencias que as metes no corazón e que á hora de cantar as exprimes. Este é un disco que está moi "exprimidiño", pero o que se está a exprimir son as bágoas, os lamentos, porque ninguén podería cantar estás cancións se non fóra desa maneira. 

E para a reivindicación do fado. 

Si, en "Sou do Fado". A canción fala de que se non existiran os poetas, se non existiran os músicos, o fado non existiría. Grazas a eses poetas que compoñen para este estilo de música, o fado chegou a ser Patrimonio Inmaterial da Humanidade, e segue crecendo cada día. 

Tamén hai oco para a historia, con cancións como “Xana da Ponte". 

É unha canción moi importante nesta discografía porque falamos dunha muller que foi unha visionaria que soubo ver que era necesario facer a concentración parcelaria, alá nos anos 30. Nós quixemos facerlle unha homenaxe a esa gran muller que se chamaba Manuela Chamoso Rey. 

A letra é de Armando González López. Non é a primeira vez que traballan xuntos. 

Non podía faltar unha canción con el. No disco do 2008, "No bico un cantar", incluín un poema seu e, a partir de aí, comezamos a compoñer os dous. Por primeira vez, convertinme en compositora, porque ata aquel entón, cantaba cancións que me gustaban de outras persoas. 

"A fadista" tamén presenta un tema de Amalia Rodrigues.

Sempre quero meter unha canción dela. Entre as súas letras podías atopar algo tan fermoso como este "Filha das ervas", sencillo pero bonito, co que me sinto moi identificada. 

Este é o seu disco máis familiar, con participación do seu fillo e do seu marido. 

Estar coa túa familia é algo moi importante, algo que suma moitísimo. Iso non quita que sexas crítica igual, pero tocar desde o cariño é distinto. Nós vémonos cada día, ensaiamos cada día estes e outros temas. Estamos tan habituados a tocar que cunha mirada xa está, xa sabemos. 

Cando comezou o seu fillo?

De pequeno, con 9 anos, comezamos nunha rondalla na que tocaba a bandurria. Despois, pasou ao laúd e anos máis tarde díxome que lle comprara unha guitarra portuguesa para acompañarme. Como é un rapaz moi constante, apostei. Mercámoslla e comezou a practicar 10 horas diarias todos os días do ano. Ao principio, tocaba dúas cancións, pouco a pouco foi mellorando e agora xa está na madurez.

Te puede interesar