ENTREVISTA

Javier Álvarez: “Os mellores recordos que teño de neno son de cando cantaba no coro"

OURENSE. 28.05.2015. JAVIER ALVAREZ, DIRECTOR DEL CORO UNIVERSITARIO. FOTO: MIGUEL ANGEL
photo_camera O Coro Universitario de Ourense, Schola Cantorum, nace fai dez anos baixo os auspicios da Vicerreitoría do Campus.

O Coro Universitario de Ourense, Schola Cantorum, nace fai dez anos baixo os auspicios da Vicerreitoría do Campus.

O Coro Universitario de Ourense, Schola Cantorum, nace fai dez anos baixo os auspicios da Vicerreitoría do Campus. Na actualidade, alumnado, profesorado, persoal laboral, antigos alumnos e xente allea á Universidade conforman unha agrupación de corenta persoas que, dirixida por Javier Álvarez, celebra o seu décimo aniversario cun concerto no Conservatorio.

Cal é a orixe do coro?
Todo xurdiu cando eu estaba estudando no Campus. Dende dentro, eu que levo toda a vida adicándome á creación e dirección de coros, prendéuseme unha luz. Dinme conta de que faltaba un coro. Propúxenllo ó vicerreitor e todo comezou moi humildemente como un obradoiro. Dos 12 integrantes que comezaron o primeiro día so persistiron seis. Dende entón, comezamos a crecer ata chegar ata ós 40 que somos hoxe.

De onde lle ven a afección?
Levo moitos anos adicado á música. Sempre entendín que a forma máis naturar de vivir a música é coa voz, entendéndoa como o instrumento primeiro e como unha porta de acceso privilexiada para o panorama musical, e neso me centrei na miña etapa como docente. Dende a infancia levei a música moi dentro. Crieime nun coro e ó longo da miña vida dirixín varias agrupacións.

Pese á falta de forza no seu inicio, hoxe é un grupo consolidado.
Efectivamente. O coro depende directamente da Vicerreitoría do Campus de Ourense, que está plenamente volcado con nós. Participamos en todos os actos académicos que se celebran no ámbito educativo do Campus. As que son máis escasas son as saídas das portas cara fóra.
Son bos tempos para un coro?
A verdade é que os tempos non son bos e por iso non rematamos de romper. Temos a espiña cravada de que o alumnado non acaba de integrarse e participar no grupo, sobre todo se comparamos a nosa situación con outras, por exemplo co coro universitario de Braga, en Portugal, onde hai listas de espera para entrar a formar parte da banda. En Ourense, en xeral, a xente é reticente a esta actividade.

A que se debe esa reticencia?
A miña interpretación é que hai, por un lado, prexuízos con respecto ó mundo dos coros, e polo outro, hai unha absoluta falta de educación musical no sistema educativo actual.A xente segue vendo o mundo dos coros como algo asociado á xente maior e á liturxia. O peor é que camiñamos cara atrás, é dicir, pouco a pouco van desaparecendo profesores e escolas de música. Isto é curioso xusto nun momento no que, cada vez máis, a sociedade considera que a música aporta unha riqueza fabulosa á formación integral dos cativos. En definitiva, é moi difícil conseguir facer cantar a un mozo que nunca o fixo.

Como prevé o futuro do coro?
O futuro é seguir medrando a pesar das dificultades. Temos que seguir profundizando no aspecto técnico e de calidade da voz como instrumento. Temos un repertorio que se caracteriza por ser moi variado, pero non nos damos por satisfeitos e queremos seguir ampliándoo. Ademáis, teño un soño. Quero crear un coro infantil, que sería o complemento ideal. Os mellores recordos que teño de neno son de cando cantaba no coro e gustaríame que, por exemplo, as miñas netas, puideran dicir o mesmo.

Te puede interesar