entrevista

Miguel Robledo: "É un libro arriscado e moi interesante pola variedade de autores"

miguel robledo
photo_camera O ilustrador Miguel Robledo.

O ourensán forma parte dos 40 ilustradores que deron vida ás verbas de Yolanda Castaño no seu libro "O puño e a letra"

"O puño e a letra" (Xerais, 2018) é o último libro de Yolanda Castaño, no que recolle 40 dos seus poemas que toman forma de cómic. Se ela é a letra, o puño é o de 40 ilustradores galegos que interpretaron as súas verbas e leváronas ao seu territorio. Entre eles, o ourensán Miguel Robledo, que acompañará este venres a Castaño na presentación oficial na capital ourensá. O evento terá lugar na libraría Punto e Coma, a partir das 20,00 horas. Ao día seguinte, será o espazo Aira das letras, en Allariz, onde os artistas expoñan a obra. 

Quenes forman parte do “puño"?

Penso que estamos practicamente de todas as xeracións. Está Xaquín Marín, que digamos que é o padriño de todos, están persoas como Prado, estamos os da miña quinta e hai xente nova, dos que están agora empezando e metendo medo. 

Como foi o proceso creativo?

Ela fixo unha escolla de poemas, porque son 25 anos de obra,  falou con Xulio Carballo -da Asociación de críticos y divulgadores de cómics- e entre os dous escolleron aos autores. Déronnos sempre toda a liberdade que quixemos, era o que quería ela, que alguén aportase outra visión a un texto que creou fai tempo.

Que tipo de mundo creou vostede?

O meu é unha especie de mini relato dunha parella, non está moi definido en que momento do día. Resumín o poema nunha soa viñeta, nunha imaxe que non é un momento que sae no poema, pero fíxenlle a proposta e a ela encantoulle. 

É un libro que chama a atención. 

Non é habitual atoparse un catálogo de 40 autores galegos, e esta é unha publicación arriscada, porque publicas o mesmo dúas veces, nunha páxina o poema e noutra a imaxe. Pero é moi interesante porque é unha forma de ver como cada autor versiona o texto con moita variedade de recursos.

Acaba de ser o II Allariz ilustrado, do que vostede é un dos organizadores. Como valora a edición?

Non puiden estar todo o tempo alí, pero a valoración é moi positiva. Vanse facendo cada vez máis actividades, vai collendo máis nome e ven máis xente de fóra, ademais das escolas de ilustración. A verdade é que estamos moi contentos.

Como se presenta o ano 2019?

Teño varios libros en carteira que hai que ir sacando, xunto con algún proxecto máis longo que vai a contagotas e os imprevistos que vaian aparecendo ao longo do ano. A verdade é que estou moi contento porque hai traballo e non é o habitual, agora toca estar á altura. 

Te puede interesar