POLÍTICA

Morre o histórico nacionalista Bautista Álvarez, un dos fundadores da UPG

O político e histórico dirixente morreu os 84 anos, según comunicou o bloque na súa conta de Twitter

O histórico dirixente nacionalista Bautista Álvarez (San Amaro, Ourense), un dos fundadores da UPG, faleceu aos 84 anos, segundo informa a organización a través da súa conta en Twitter.

Naceu en 1933 en Loucía, pequena aldea da parroquia de Lás, no concello de San Amaro. O menor de tres irmáns dunha familia de modestos agricultores, segundo a reseña da UPG na súa páxina web, aos 10 anos ingresou no Seminario de Ourense, onde estudou Humanidades e Filosofía.

O acceso a publicacións chegadas da diáspora arxentina e textos sobre o Estatuto de 1936 xunto coa represión lingüística alí vivida servíronlle para consolidar algunhas teorías. Posteriormente, trasladouse ao Barco de Valdeorras.

Participou como membro fundador da Unión do Povo Galego (UPG) o 25 de xullo de 1964, e foi un dos que redactou os `10 puntos` programáticos. Nestes primeiros anos de vida, a UPG era sobre todo un grupo de formación e sensibilización ideolóxica nacionalista centrado en Vigo e en Madrid especialmente.

En 1965 partiu cara a Madrid, onde fixo o servizo militar e iniciou estudos de Filosofía e Letras na Complutense. É nesta cidade onde entrou en contacto coa colonia galega, na súa maioría estudantes. Foi membro cofundador do grupo `Brais Pinto` e promotor e presidente do Seminario da Cultura Galega do Clube de Amigos da Unesco de Madrid.

A principios de 1973 trasladouse a Vigo e empezou a traballar nunha empresa do Porriño. Nese momento pasou a formar parte --dentro da clandestinidade política-- do Comité Executivo da UPG.

Perseguido durante varias veces polas forzas represivas, durante o estado de excepción de 1969 ingresou na prisión de Carabanchel, acusado de manter ideas "separatistas marxistizantes".

Morto o ditador foi detido por participar nunha manifestación en prol da amnistía en Vigo, en decembro de 1976. Durante 1977, ademais de permanecer 15 días no cárcere de Vigo e de ser procesado polo Tribunal de Orde Pública, pasou polos cuarteis da Garda Civil de Cangas, Verín e Pontevedra, e sufriu unha rotura de costela como consecuencia de torturas.
 

Presidente da Asociación Cultural de Vigo de 1975 a 1978, sobre temas culturais e literarios ten colaboracións en varias revistas de ámbito estatal, destacando un ensaio sobre `Os vellos non deben de namorarse` de Castelao, na revista Primeiro Acto.Acerca de temas políticos son innumerables os artigos publicados en diversas publicacións nos últimos 30 anos.

A finais de agosto de 1977, durante a celebración do I Congreso da UPG, resultou elixido presidente, data desde a que foi reelixido nos sucesivos congresos ata a celebración do último, o XII, en novembro de 2008, no que expresou o seu desexo de non candidatarse.

Así mesmo, formou parte ininterrompidamente dos órganos de dirección deste partido ata o devandito congreso. Participou tamén na fundación do Bloque Nacionalista Galego (BNG) e foi membro da súa Comisión Permanente desde 1982 ata 2002.

Nas primeiras eleccións ao Parlamento galego, celebradas o 20 de outubro de 1981, resultou electo deputado pola circunscrición da Coruña, e foi expulsado da Cámara xunto aos compañeiros da coalición electoral Bloque (AN-PG/UPG)-PSG Lois Diéguez Vázquez e Claudio López Garrido por negarse a prestar xuramento á Constitución española de 1978, con carácter retroactivo, pois xa levaban varios meses exercendo o seu labor como representantes nacionalistas.

Volveu saír electo por Pontevedra na III, IV, V e V lexislatura, sendo vicesecretario da Mesa do Parlamento no IV e vicepresidente segundo na V.

En 2004, coincidindo coa celebración do 40 aniversario da constitución da UPG, este partido promoveu a constitución da Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas, que pasou a presidir desde o primeiro momento.

Entre outros recoñecementos, logrou o I premio Manuel María á dignidade nacional, entregado en marzo de 2006. Participou como conferenciante por diversos puntos da xeografía galega e escribiu artigos de actualidade e pensamento político.

Te puede interesar