CULTURA

A Moti pechou con algo máis de 3.500 entradas vendidas nas salas

Os organizadores instan a manter unha proposta cultural que ten alta demanda

O Teatro Principal o completo durante a función de onte de Valeria Guglietti.
O Teatro Principal o completo durante a función de onte de Valeria Guglietti.
A Moti pechou con algo máis de 3.500 entradas vendidas nas salas

O telón da 14 edición da Mostra de Teatro Infantil de Ourense baixaba onte. Atrás quedan as xornadas de espectáculos que tiveron como obxectivo que os distintos grupos de cativos gozaran da variedade de xéneros e estilos teatrais mentres se formaban en valores coma o diálogo ou a exteriorización das emocións. 

Postos a facer balance, o cartel de "non hai localidades" pendurado das taquillas en máis da metade dos espectáculos serve como bo indicador do seu éxito. Así o apuntaba o director da Mostra, Fernando Dacosta, que neste sentido calificou a edición de "extraordinaria". Se se fala de cifras, os datos iniciais aportados dende a organización estiman en algo máis de 3.500 os espectadores en sala, o que suporía unha media de 250 por función. Todo isto sen contar cos números que conlevan os espectáculos de animación de rúa e que supoñen un incremento.

Xorde a pregunta de se a Mostra se consolida como un selo da cidade. O seu director atrévese a afirmar que "Ourense sinte a mostra como súa, a xente espera pola MOTI e isto tradúcese na resposta dos espectadores". Ano tras ano, a iniciativa revirte na cidade, "por unha parte xérase traballo para as persoas que conforman a organización pero tamén para un sector tan dañado como é o cultural, no caso das compañías de teatro", explica Fernando Dacosta. Por outra banda, ademais da riqueza emocional e cultural, o director da Mostra destaca o valor que ten para o sector da restauración, tanto en hoteis como en restaurantes. "Non debemos olvidar os participantes que pasan por Ourense e marchan con ganas de volver", engade Dacosta. 

Sen embargo, fronte a todas estas fortalezas seguen a erguerse obstáculos entre os que destacan a cuestión económica que conleva un esforzo cada edición. "Isto non quere dicir que incrementemos a demanda orzamentaria, simplemente pedimos que se nos deixe manter unha Mostra con tanta demanda. Sería unha mágoa que despois de ver que algo funciona se deixe que vaia para atrás, se isto ocorrera comezarían a xurdir os cuestionamentos", concreta Dacosta. E continúando coas debilidades e retos de cara o futuro, "gustaríamos dispoñer dunha páxina web na que poder por a venta as entradas dun xeito unificado", explica o director.

De todos os xeitos, a organización insta a que a factoría dos soños, como reza o lema da MOTI, non cese nunca no empeño de traballar polas ilusións dos máis novos e das familias, satisfacendo as súas demandas culturais.