ENTREVISTA | FORO LA REGIÓN

Ana Pontón: "O nacionalismo é vital para o futuro, debemos confiar en nós mesmos"

<p></p>
photo_camera A portavoz nacional do BNG, en Allariz

A portavoz nacional do BNG protagoniza esta noite (20,15 horas, centro Cultural Marcos Valcárcel) unha nova cita do Foro La Región

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, protagoniza esta noite (20,15 horas, centro Cultural Marcos Valcárcel) unha nova cita do Foro La Región, na que falará sobre o papel que debe xogar o nacionalismo na época actual.

Que papel debe xogar o nacionalismo nesta época?
É un debate fundamental para Galiza, o nacionalismo é vital para que teñamos futuro. O pobo galego vive do seu traballo, se queremos avanzar e progresar, debemos pensar como podemos mellorar as cousas, acabar co problema do despoboamento, algo gráfico en Ourense. Debemos aproveitar as noas potencialidades e confiar en nós mesmos.

Que fallou no nacionalismo nos últimos anos?
Foron momentos e ciclos distintos e o BNG tivo momentos difíciles nas últimas décadas. Este ano abrimos un novo tempo, queremos estar centrados en explicar a nosa alternativa e ser útiles para mellorar as condicións de vida dos galegos e ver o futuro con optimismo. Buscamos ampliar a base social e electoral, readaptar o proxecto.

Era clave a presencia de caras novas como a súa?
Toda organización necesita renovarse e o BNG deu xestos claros de renovación, hai que ver xente como Noa Presas, xente nova que queremos un futuro mellor que a maleta e a emigración. Renovamos caras, discurso, sen renunciar ó fundamental, que somos nacionalistas.

As últimas eleccións foron a vida e morte para o BNG?
Nunca me gustou ese dramatismo, pero si eran importantes para o nacionalismo. Penso que recuperamos moita ilusión e confianza, esa é a argamasa coa que estamos construíndo unha etapa diferente.

O PP volveu congregar a confianza maioritaria.
Moitas persoas optaron por un continuismo ante a incerteza do que había enfrente, pero o resultado non nos fará dimitir de ser oposición e defender o nacionalismo. Digo ás veces de broma, se sobrevivimos a Fraga, sobreviviremos a Núñez Feijóo.

Como será a lexislatura para o BNG?
Faremos unha oposición contundente, un control estricto, pero poñendo ideas e manifestando a Galiza alternativa que defendemos, unha posición de man tendida para aqueles que se sinten defraudados. Se algo necesita Galicia, é recuperar o orgullo de que podemos facer algo diferente, a alternativa real represéntaa o nacionalismo, o único proxecto rupturista.

Hai espacio para o PSOE, BNG e En Marea?
O nacionalismo representa un espazo máis amplo, o que necesita un país son forzas que teñan o corazón e a cabeza en Galicia.

Ve posible chegar a acordos co PP nesta lexislatura?
Hai unha experiencia de que sempre lle tendimos a man para defender o país, púxose de perfil e defendeu o seu partido. Que nos convenza de que é un militante de Galicia, que priorice as comunicacións, a eliminación das peaxes abusivas.

É necesario mudar as siglas do BNG?
Estamos nun proceso de relanzamento do nacionalismo e temos quen pechalo a principios de 2017. A miña opinión particular é que se manteñan.

Te puede interesar