NOA PRESAS - SOMOS NÓS

Noa Presas: "Se non intervimos con voz propia permitiremos a desaparición do rural"

26.11.15.BARBADAS.NOA IGLESIAS CANDIDATA DE NOS VISITA UNHA EXPLOTACION GANDEIRA EN LOIRO.
photo_camera Noa Iglesias, visitando este xoves unha explotación gandeira. (MARCOS ATRIO)

“Temos que reforzar a capacidade galega para decidir sobre a regulación, no sector lácteo, dun sistema de prezos digno”, sinalou a cabeza de lista de NÓS na visita a unha explotación gandeira en Loiro

“Temos que reforzar a capacidade galega para decidir sobre a regulación, no sector lácteo, dun sistema de prezos digno e transparente, garantindo a estabilidade e viabilidade das explotacións”, dixo esta mañá Noa Presas, cabeza de lista de NÓS-Candidatura Galega pola provincia e Ourense, durante a visita a unha granxa de Loiro, a última explotación leiteira que queda no concello de Barbadás.

Noa Presas lembrou que “historicamente as políticas estatais e europeas condenaron o sector agrogandeiro galego a un proceso de reconversión. O resultado: perda de capacidade produtiva e demográfica. Na práctica, desertización”. A candidata de NÓS-Candidatura Galega insistiu en que “se non intervimos con voz propia permitiremos a desaparición do rural, de centos de aldeas e pobos. E convencidos de que para combater o problema demográfico hai que revitalizar o medio rural. Termos postos de traballo dignos e sustentábeis que nos permitan vivir aquí”.

O propietario da explotación, Carlos, un labrego de 43 anos que se fixo cargo da granxa fai 23 anos, conta que chegou a ter máis de corenta vacas, que cando el empezou o prezo do gasóleo estaba en 42 pesetas e o do penso en 33. Hoxe ten dez vacas. Leva dous anos sen beneficios, “facendo o xusto para non perder cartos”. E di que o prezo da leite e da carne é o mesmo que cando el empezou mentres o penso e o gasóleo se multiplicaron por catro ou por cinco. “Sobrevivo porque teño 30 hectáreas que dan o alimento para os animais, pero xa non teño empregados, vai todo o traballo no lombo, se pecho, isto, a nave o terreo, non vale nada”.

No peche do comunicado, NÓS-Candidatura Galega se compromete a "rematar coa discriminación que sofren labregos e labregas de Galiza a respecto do apoio público estatal. En concreto, defenderemos a atribución a Galiza da capacidade para aplicar as axudas da PAC para adecualas ao modelo galego de produción".

Te puede interesar