AXUDAS

Oito novas empresas de Barbadás reciben axuda

O Concello inviste 18.000 euros  para fomentar o emprendemento local

Centro Empresarial Transfronteirizo de Barbadás, onde se atopan niños para novos emprendedores.
Centro Empresarial Transfronteirizo de Barbadás, onde se atopan niños para novos emprendedores.
Oito novas empresas de Barbadás reciben axuda

Oito novas empresas de Barbadás veñen de ser elixidas as beneficiarias dunha subvención concedida polo Concello, a través da Concellería de Promoción Económica, que dirixe o tenente de alcalde, Xosé Manuel Fírvida, para "colaborar á consolidación de iniciativas empresariais e comerciais recentes e que poidan situarse no camiño da dinamización económica e social", segundo explicou o edil nacionalista. 

Estas axudas incrementáronse nun 50% respecto ás previsións iniciais, pasando de 12.000 a 18.000 euros. Isto debeuse ao número de solicitudes que finalmente se presentaron "que nos parecían o suficientemente interesantes e ben enfocadas tanto para resultar exitosas como para aumentar o esforzo orzamentario", apuntou Fírvida. 

Malia todo, dúas empresas que solicitaron a devandita axuda quedaron fóra ao rematarse o crédito dispoñible da entidade municipal. O criterio de eliminación foi establecido en función da orde de solicitude.


Cinco, a mulleres


Das oito iniciativas que recibirán a subvención, cinco están lideradas por mulleres. A contía que percibirán son 2.500 euros para cada unha en sete casos –é a contía máxima–, máis outros 500 euros para outra das iniciativas presentadas. 

Fírvida amosouse "saisfeito" pola participación, o cal "nos indica que estamos no camino axeitado coas medidas de estímulo á actividade empresarial, que aplicamos por segundo ano consecutivo para favorecer o asentamento de novos negocios e contribuir a impulsar a creación de postos de traballo".