ESTUDO

A orixe botánica do Mel de Galicia compróbase na Universidade

Cada ano o grupo de investigación ourensán recibe arredor dun centenar de mostras para a súa análise

A Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia é a de maior volume no ámbito español con 30.952 colmeas pertencentes a 410 apicultores e un volume de produción próximo ás 620 toneladas. O seu consello regulador é o organismo encargado de controlar, amparar e certificar este mel, identificando coa contraetiqueta correspondente que cumpre con todos e cada un dos requisitos de calidade recollidos no seu regulamento. Este regulamento marca, entre outras cuestións, os requisitos que debe cumprir este produto en canto á súa orixe xeográfica e botánica e ás características melisopalinolóxicas, é dicir, referidas ao pole.

O grupo de Aerobioloxía e Apicultura da Universidade de Vigo é o encargado de analizar nos seus laboratorios na Facultade de Ciencias do Campus de Ourense o pole deste mel para corroborar a súa procedencia. “Este servizo é unha aplicación directa á empresa da investigación que realizamos”, apunta Carmen Seijo, investigadora responsable do proxecto. 

Froito dun convenio de colaboración entre o Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia e a Universidade de Vigo, cada ano o grupo de investigación ourensán recibe arredor dun centenar de mostras para a súa análise e a emisión do correspondente informe. O regulamento establece que o mel de Galicia pode ser multifloral ou monofloral de eucalipto, castiñeiro, silveira ou breixo, indicando en cada caso a porcentaxe mínima de pole de cada especie que deberá ter. 

O Consello Regulador controla todo o proceso dende a colmea ata o punto de venda levando a cabo inspeccións periódicas nas explotacións apícolas, nas plantas de envasado así como en puntos de venda, velando deste xeito polo cumprimento das esixencias do regulamento. 

Te puede interesar