CULTURA

Homenaxe a Filomena Dato, a ourensá "voz do feminismo galego" durante o século XIX

O Concello de Bergondo (A Coruña) acollerá a semana próxima unha cerimonia en recordo ao falecemento da autora 

Galicia conmemora esta fin de semana o nacemento de Rosalía de Castro, figura capital da historia da literatura galega, aínda que a próxima semana o Concello de Bergondo (A Coruña) tamén acollerá unha sentida homenaxe en recordo ao falecemento de Filomena Dato, considerada como a "voz do feminismo galeguista" no século XIX.

A autora naceu en Ourense en 1856 e 30 anos despois xogou un destacado papel na visibilización do feminismo, tanto como oradora como na súa obra escrita en pezas como o premiado poema `En defensa das mulleres`.

A peza foi recollida no seu único libro en galego, `Follatos` (1891), e nela referencia a figuras como María Pita ou Rosalía de Castro, desmontando os falsos mitos respecto das mulleres da época.

Filomena Dato foi parte do movemento literario encabezado por Lamas Carbajal, e foi colaboradora de cabeceiras como `El Heraldo Gallego` e outras revistas. Así mesmo, estivo relacionada con personalidades femininas como Sofía Casanova, e compartiu faladoiros con Emilia Pardo Bazán.

Así mesmo, formou parte como `académica correspondente` desde a fundación da Real Academia Galega no ano 1906. A autora faleceu en 1926 e foi despedida no camposanto de Moruxo, en Bergondo, coa a presenza de destacados membros do panorama político e cultural galego.

Por iso, a institución presidida actualmente por Víctor Freixanes participará o vindeiro luns neste acto de homenaxe, na véspera do 92 `cabodano` da poetisa, organizado polo Goberno local, a Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo e a Asociación Lisístrata.


Acto de recordo


O acto celebrarase ás 11,50 horas no mesmo cemiterio de Moruxo, onde intervirán o párroco Rubén Aramburu, representantes das asociacións organizadoras, o poeta Dores Tembrás, a alcaldesa da localidade, Alejandra Pérez, e o propio Víctor Freixanes.

Un grupo de alumnos de 2º de ESO do CPI Cruz do Sar protagonizarán, ademais, unha lectura de poemas da escritora, e o evento finalizará co descubrimento dunha escultura en honra á autora asinada por Francisco Escuredo, ademais da interpretación do himno galego.

Te puede interesar